Novas

A REPRESENTACIÓN TEATRAL PROGRAMADA PARA ESTE SÁBADO SUSPÉNDESE PORQUE A COMPAÑÍA A PENEDA NON PODE DESPRAZARSE PARA ACTUAR ESE DÍA

A representación teatral programada para este sábado, 22 de setembro, no salón de actos do Concello de Lourenzá suspéndese por problemas da compañía A Peneda, de Monterroso, que non pode desprazarse para actuar ese día.

O edil de Cultura, Manuel Arango, anunciou a suspensión desta actividade cultural e explicou que o Concello intentará que a compañía A Peneda represente en Lourenzá a obra prevista para este sábado, A cea dos idiotas, noutra data.

ESGOTÁRONSE AS ENTRADAS PARA A ACTUACIÓN DO ACTOR CARLOS BLANCO O DÍA 29 DESTE MES NO SALÓN DE ACTOS DO CONCELLO

As entradas para presenciar a actuación do actor Carlos Blanco o día 29 deste mes ás 20:30 horas no salón de actos do Concello de Lourenzá xa están esgotadas.

O concelleiro de Cultura, Manuel Arango, explicou que “xa non quedan entradas para a actuación que Carlos Blanco ofrecerá en Lourenzá o día 29 de setembro. Tivo unha gran acollida e sentimos moito non poder atender todas as peticións de entradas, pero o motivo é que temos un salón de actos que se nos queda pequeno para este tipo de eventos”.

A DELEGACIÓN DE CULTURA INICIA O DÍA 15 DESTE MES UNHA PROGRAMACIÓN TEATRAL QUE SE DESENVOLVERÁ ATA DECEMBRO. INCLÚE A ACTUACIÓN DO ACTOR E HUMORISTA CARLOS BLANCO O 29 DE SETEMBRO

A Delegación de Cultura do Concello de Lourenzá ven de presentar a programación teatral que levará a cabo ata o mes de decembro. As representacións darán comezo o 15 de setembro coa compañía Argalleiras Teatro, de Chantada. Ademais esta programación inclúe a actuación do humorista galego Carlos Blanco o día 29 deste mes.

UNHA UNIDADE MÓBIL DE INSPECCIÓN TÉCNICA DE VEHÍCULOS AGRÍCOLAS ESTARÁ NO MERCADO COMARCAL GANDEIRO DO 25 AO 28 DESTE MES

Unha unidade móbil de inspección técnica de vehículos agrícolas estará no mercado comarcal gandeiro de Lourenzá do 25 ao 28 deste mes. Anúnciao a alcaldesa, Rocío López García, a través dun bando.

O horario de atención será de 09:00 a 13:30 horas e de 15:15 a 18:00 horas agás o día 28 que será só pola mañá. A cita previa pode solicitarse por teléfono no 902.30.90.00 ou través da páxina web www.sycitv.com.