El Ayuntamiento organiza una exposición y la proyección de una película para conmemorar el Día Internacional de la Mujer este viernes

Lourenzá, 4 de marzo de 2013. O Concello de Lourenzá organiza unha exposición e a proxección dunha película para celebrar o Día Internacional da Muller, que se conmemora este venres, 8 de marzo.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou que a proxección da película, que está programada para o propio día 8 ás cinco da tarde no salón de actos do Concello, “será conducida pola educadora familiar, Dolores Vilasuso, que fará a presentación cunha pequena sinopse e será comentada ao remate da mesma. A película que se proxectará é Tomates verdes fritos que, baixo o lema O segredo da vida, o segredo está na salsa, desenrola unha historia baseada na amizade entre unha muller de mediana idade que se sinte frustrada polo sobrepeso e pola relación insatisfeita que mantén co seu marido e unha anciá que vive nunha residencia. Os temas principais desta película son a amizade e a solidariedade entre mulleres, a vellez e a experiencia como fonte de sabedoría, as frustracións e os problemas de identidade do modelo tradicional de muller e a relación entre a discriminación racial e a violencia de xénero. Polo tanto esta é unha película que dende o departamento de Servizos Sociais valoraron como moi axeitada para render homenaxe a todas as mulleres, non só do noso concello senón ás mulleres en xeral”.

Por outra banda, dende este venres, 8 de marzo, ata o día 22 deste mes en horario de tarde, de 17 a 20 horas, na sala de exposicións da casa de cultura do Concello poderase ver a mostra titulada Mulleres no obxectivo, que “recolle 23 fotografías de fotoperiodistas galegos e galegas que tratan de sacar á luz desde unha óptica da normalidade e do respecto ás imaxes que nos acercan ao día a día das mulleres e a súa relación cotiá co traballo ao longo da historia e a conciliación da vida familiar e laboral. Dentro da mostra inclúese unha peza audiovisual, Mulleres xx, sobre as mulleres galegas e o traballo, que toma por nome o cromosoma feminino e mostra ás primeiras traballadoras do sector téxtil, do conserveiro, as primeiras redeiras, as mestras, as lavandeiras, as médicas, as periodistas, ... desde o pasado ata a actualidade. Ademais o vídeo, que contén como eixe temático a progresión das mulleres en distintos postos laborais ata chegar ao punto actual, conta con testemuñas e valoracións deste camiño percorrido realizadas por mulleres de recoñecido prestixio polo seu traballo en distintos campos da actividade económica, intelectual e social”, explicou Emma Álvarez, quen lembrou que este DVD será proxectado todos os días, de luns a venres, dende o 8 ata o 22 de marzo ás sete da tarde no salón de actos.