La Alcaldesa viajó a Portugal para ver plantaciones de castaños y sistemas de recogida y comercialización de su fruto “en busca de alternativas para generar riqueza y mano de obra para el municipio”

Lourenzá, 3 de decembro de 2012. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, participou nunha viaxe a Portugal organizada polo Concello de Palas de Rei para ver plantacións de castaños e a recollida do seu froito a semana pasada e hoxe explicou que “o motivo de ir eu nesta viaxe foi continuación dunha charla que tivemos no mes de novembro aquí no concello, que foi impartida polo secretario da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia en busca de alternativas que poidan xerar riqueza e tamén man de obra no noso concello”.

Emma Álvarez comentou que “dispoñemos dun val cunha terra moi fértil, que temos que explotar a nivel hortícola e tamén frutícola e sobre especializarnos no que é a nosa estrela, que é a faba de Lourenzá, para o que non renuncio a aquela idea primitiva que tiña cando era concelleira de Medio Rural dalgunha fórmula conxunta de comercialización para que así os produtores poidan sacar un valor engadido. Ao mesmo tempo nestas terras de Lourenzá tamén se compatibilizan coas explotacións de vacún de leite e tamén de carne, que aínda que son poucas cada vez son máis profesionais”.

Pero a rexedora tamén salientou que no municipio de Lourenzá hai “hectáreas de terreo improdutivo, na súa meirande parte forestal, no cal se poden explotar fórmulas de traballo conxuntas encamiñadas a fixar poboación no noso concello, que só se pode conseguir si se saca un rendemento económico deses terreos. No caso que nos ocupa, do castaño para froito, podemos estar falando, segundo datos que nos facilitou a propia IXP Castaña de Galicia, de arredor de 5.000 euros por hectárea, dependendo loxicamente do marco de plantación que se utilice para o castaño. E aínda que é un traballo estacional xera man de obra, co cal axuda a fixar a poboación no noso concello e sobre todo a diversificar esta zona”.

A viaxe a Portugal incluíu visitas ás zonas de Espadañedo e Tras os Montes, onde “hai miles de hectáreas dedicadas a este cultivo, ao castaño de froito, fomos atendidos por un técnico de Sortegel, que recolle máis de oito millóns de quilos de castaña dependendo do ano”, explicou Emma Álvarez, quen tamén estivo en instalacións de almacenaxe e clasificación de castaña.

“Tiven a honra de poder estar acompañada na viaxe polo xefe do Servizo Provincial de Montes, Miguel Cela, e outros compañeiros da consellería en Santiago”, destacou alcaldesa, a quen lle gustaría “aproveitar todo o que tiven a oportunidade de aprender cando fun portavoz de Montes no Parlamento de Galicia e poder aplicalo en Lourenzá a fin de que se poida ter un monte rendible e nos axude a que a xente moza se quede no noso concello”.

Álvarez Chao rematou anunciando que Lourenzá acollerá máis charlas sobre a produción de castañas e “temos en mente nos vindeiros meses, posiblemente en febreiro, dedicar unhas xornadas (os xoves forestais) para ir dando a coñecer distintas fórmulas de explotar o monte. E no caso de que se mostre interese por parte dos nosos veciños organizaríamos unha viaxe similar á que participei eu na semana pasada polas terras de Bragança para que os nosos veciños vexan de primeira man a onde poden chegar os cultivos de castaña”.