La alcaldesa viajó a Santiago para trabajar en la modificación del escudo municipal para adaptarlo a la normativa, y presentó en la Xunta una propuesta para instalar un ascensor en la Casa do Concello

Lourenzá, 26 de febreiro de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, e a técnica de Cultura municipal, María José López Noceda, reuníronse en Santiago co director xeral de Administración Local da Xunta, Norberto Uzal, e con membros do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, entre os que se atopaba o seu director, Eduardo Pardo de Guevara. “O motivo do encontro foi falar dun tema que xurdiu nunha visita anterior ao director xeral de Administración Local á vista do escudo que ten o Concello de Lourenzá, que debe ser modificado para adaptarse á normativa heráldica”, explicou a rexedora local.

Emma Álvarez anunciou que o novo escudo do Concello “debe ser aprobado polo Consello da Xunta e leva uns pasos que define moi ben o decreto 19/2010 de 11 de febreiro, polo se aproba o regulamento dos símbolos das entidades locais de Galicia. Aquí dise que os escudos deben representar a súa historia local. O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento estivo a traballar de forma oficiosa desde o mes de outubro nun posible escudo para o Concello de Lourenzá. Trátase dun esbozo que nos pasaron no día de onte e que analizaremos os tres grupos da corporación municipal o vindeiro venres, 1 de marzo, pola tarde”.

A alcaldesa engadiu que “este sería o primeiro paso pois, aínda que tería que iniciarse o expediente nun pleno da corporación municipal, desde o equipo de goberno consideramos que este asunto debería ser apoiado polos tres grupos políticos, xa que un escudo é algo que debe permanecer no tempo. Non serve de nada aprobar agora un escudo cos votos da maioría e o día de mañá que cambie o goberno e que outros decidan modificar unha vez máis o escudo. Este símbolo baséase nunhas normas moi ríxidas e non pode recoller todo aquilo que nós desexaríamos, ou todo aquilo que os laurentinos quixeran ver reflectido no seu escudo”.

Aproveitando esta visita a Santiago de Compostela Álvarez entregoulle ao director xeral de Administración Local unha proposta de accesibilidade para a Casa do Concello. “Temos unha Casa do Concello moi bonita, histórica, pero que non é accesible para persoas discapacitadas. Leveille a proposta de instalar un ascensor que comunique a parte baixa do edificio coas oficinas administrativas e Norberto Uzal comprometeuse a estudar este asunto xunto co conselleiro de Presidencia para ver que poden facer desde a Xunta para facer máis accesible a Casa do Concello de Lourenzá”, explicou a rexedora municipal.