La Consellería de Medio Ambiente firmará un convenio con el Ayuntamiento para pavimentar la Avenida de Soutelo. Fue uno de los compromisos conseguidos por la Alcaldesa en la reunión que mantuvo con el Conselleiro Agustín Hernández

Lourenzá, 16 de febreiro de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, reuniuse en Santiago co conselleiro de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio, Agustín Hernández, para solicitar a colaboración dese departamento da Xunta en varios asuntos de interese para o municipio.

Un dos temas abordados na xuntanza foi a situación na que se atopa a avenida de Soutelo, “unha rúa construída a finais dos anos 70, na que está practicamente levantado o pavimento e tendo en conta que se trata do único acceso ao colexio público, ao punto de atención á infancia, á casa da xuventude, ao polideportivo, incluso ao núcleo de Soutelo, utilizándose tamén como zona de paso para o núcleo de Alaxe, na parroquia de San Xorxe, considerou importante facer un convenio co Concello para amañar este pavimento. É unha noticia moi importante para Lourenzá debido ao tráfico que ten esta rúa”, explicou a rexedora.

Emma Álvarez e Agustín Hernández tamén falaron de facer unha praza pública no Campo dos Bolos, “para o cal me pediu unha valoración económica en forma de memoria para poder estudalo eles e levalo en vindeiros exercicios económicos”, comentou a alcaldesa, quen ademais propuxo ao conselleiro “facer un enlace que una a estrada da Deputación que vai desde San Xorxe ata Arroxo coa Nacional 634 para facela máis accesible para incorporarse posteriormente á autovía A-8”.

Outro asunto tratado na reunión foi o saneamento de Requeixo, “que vimos arrastrando dende o ano 2011 por distintas cuestións sobre modificacións de proxectos que tivemos que facer. Aínda está parado e neste momento concretamente estamos á espera de que nos dean licenza para atravesar unha estrada da Deputación. Con todas as variacións houbo un incremento do presuposto inicial de máis de 10.000 euros e estamos a falar dunha inversión de preto de 300.000. Comprometeuse a asumir e facelo en dúas anualidades posiblemente”, anunciou Emma Álvarez, quen tamén falou con Agustín Hernández das dúas vivendas de promoción pública para alugar que foron construídas na etapa do goberno bipartito da Xunta. “Están na rúa Rego Vilazo e, ao meu xuízo e ao de todos os que as vimos, son inhabitables e a idea é facer un estudo para remodelalas á fin de que algunha persoa que está esperando unha vivenda en aluguer poida acceder a ela, posto que todas as veces que foron sacadas a concurso todos os adxudicatarios renunciaron a elas, explicou a alcaldesa.

Álvarez Chao rematou dicindo que “a valoración desta xuntanza é moi positiva, non soamente polos compromisos adquiridos por parte de Agustín Hernández, sobre todo a remodelación da avenida de Soutelo, senón tamén polas conclusións que puidemos sacar e pola información técnica que me deu sobre moitos dos temas tratados nesta reunión”.