La plaza del Conde Santo acogerá el 4 de junio una sesión de cuentacuentos a cargo de Mau e Pin, que son los autores de la colección “Polo correo do vento”

Lourenzá, 29 de maio de 2013. A praza do Conde Santo acollerá o vindeiro martes, día 4 de xuño, unha sesión de contacontos a cargo de Mau e Pin, que son os autores da colección de libros Polo correo do vento. Anunciouno hoxe a concelleira de Cultura en Lourenzá, Lupe Flórez Seivane, quen tamén de a coñecer os premios do concurso escolar de fotografía para conmemorar o Día do Medio Ambiente. Son unha bicicleta, un patinete, unha cámara de fotos dixital e un libro electrónico.

Lupe Flórez explicou que “dentro dos actos que enmarcamos na Semana do Medio Ambiente, que inclúen unha serie de eventos destinados á poboación de tódalas idades, dende os máis pequenos do concello ata os adultos, vimos de presentar un contacontos que leva por título Violeta, a carteira bolboreta. É unha actividade que se enmarca dentro do programa Ler conta moito, da Xunta de Galicia, que nos chega á biblioteca municipal a través da Consellería de Cultura”.

A concelleira de Cultura engadiu que “os autores da colección Polo correo do vento preséntannos nesta ocasión unha actividade enfocada basicamente ao respecto cara ao medio ambiente, así como ao coñecemento das fragas e a flora e fauna das mesmas por parte dos nenos máis pequenos. Esta actividade vaise desenvolver o vindeiro 4 de xuño e levarase a cabo durante a mañá dese día enfocada de cara aos escolares do colexio Juan Rey, de Lourenzá, que xa están avisados para asistir cos seus correspondentes titores. Se fai bo tempo desenvolverémola no Cantón, na Praza do Conde Santo, pero tendo en conta as condicións meteorolóxicas destes días está previsto que se non puidera facerse ao aire libre levarase a cabo no pavillón do colexio”.

Ademais Lupe Flórez lembrou que a Semana do Medio Ambiente en Lourenzá “dará comezo este vindeiro sábado a partir das 10 da mañá cunha xornada de voluntariado de limpeza dos nosos ríos, concretamente o Baos e o Masma. Está pensado para que toda aquela xente que queira botar unha man para manter os nosos ríos limpos se achegue e colaboremos todos xuntos. É bastante importante que se anoten chamando ao número de teléfono 982.12.10.06, das oficinas municipais, para poder contar con material para todos os voluntarios que se acheguen ese día a botar unha man”.

Dentro dos actos que conmemoran en Lourenzá a Semana do Medio Ambiente este vindeiro sábado, día 1 de xuño, remata o prazo de presentación dos traballos para o concurso escolar de fotografía sobre a natureza na Mariña de Lugo. E hoxe a concelleira de Cultura deu a coñecer os premios: “para Primaria o primeiro consistirá nunha bicicleta e o segundo será un patinete; e no caso das categorías para ESO e Bacharelato o primeiro de cada unha delas levará unha cámara de fotos dixital e os segundos premios consistirán nun ebook (libro electrónico)”. Flórez anima “a todos aqueles nenos que aínda estean pensando en presentarse a que participen cos seus traballos”.