Vilanova de Lourenzá acogió el 7 de enero actos de homenaje a Francisco Fernández del Riego para conmemorar el centenario de su nacimiento

Lourenzá, 07 de xaneiro de 2013. Vilanova de Lourenzá acolleu hoxe actos de homenaxe a Francisco Fernández del Riego, o ilustre intelectual que foi o primeiro fillo predilecto do municipio, onde naceu fai hoxe 100 anos.

No transcurso da xornada conmemorativa a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, salientou que é “un día moi importante non só para Lourenzá e para nós os laurentinos, senón que tamén para todos os galegos e galegas, xa que, tal día coma hoxe fai exactamente 100 anos naceu no noso concello Francisco Fernández del Riego, Don Paco para todos nós”.

A rexedora municipal comentou tamén no seu discurso que “é unha mágoa que este ilustre intelectual galeguista non estea entre todos nós. Por ese motivo dende a vila que o viu nacer hoxe, o día do centenario do seu nacemento, quixemos ter na nosa memoria a este laurentino de pro que iniciou a súa andaina pública precisamente o 25 de xullo do 1931 dende o balcón desta casa consistorial izando a bandeira de Galicia e pronunciando un discurso que nin a Guerra Civil nin o réxime franquista deixaron no esquecemento e que tiña como finalidade a reivindicación do galeguismo que durante toda a súa vida defendeu”.

Ademais Emma Álvarez explicou que “Don Paco foi o primeiro fillo predilecto deste concello, temos unha rúa que leva o seu nome. Pero non só isto, para todos os que amamos Galicia como el a amou Don Paco sempre estará no noso recordo e coincidindo có centenario do seu nacemento declararemos no vindeiro pleno municipal este ano como o Ano de Francisco Fernández del Riego para telo presente en todas e cada unha das datas, que como hoxe, foron clave na súa intensa vida”.