Aberta a inscrición para participar nos cursos de galego dos niveis CELGA 1, 2, 3 e 4 que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística

Lourenzá, 10 de xaneiro de 2013. No Concello de Lourenzá está aberta a inscrición para participar nos cursos de galego dos niveis Celga 1, 2, 3 e 4 que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Segundo a alcaldesa, Emma Álvarez, en caso de non chegar ao mínimo de 20 alumnos esixidos poderían unirse os Concellos de Trabada, Barreiros, O Valadouro, Alfoz e Lourenzá para que ditos cursos se impartan nesta zona, evitando así o desprazamento dos/as alumnos/as a Lugo.

O rexedora explicou que “o plan de normalización da lingua galega, que se aprobou no Parlamento en setembro do 2004, contén entre outras varias medidas dirixidas á sociedade encamiñadas a renovar a política lingüística con respecto ao uso do galego adecuándoas aos tempos actuais. Por ese motivo a Secretaría Xeral de Política Lingüística, nunha resolución do 27 de decembro do 2012, convoca os cursos que fai anualmente de formación de lingua galega con carácter gratuíto”.

Emma Álvarez Chao dixo que “estes cursos son preparatorios para as probas do niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, que se poden solicitar de forma individual, polos particulares, ou tamén de maneira colectiva. Dende o Concello de Lourenzá vamos poñer a disposición dos nosos veciños que estean interesados en anotarse para solicitalo si conseguimos un mínimo de 20 persoas. O máximo é de 30”. E engadiu que “igualmente se vai facer tamén dende os Concellos de Trabada, Barreiros, O Valadouro e Alfoz, co obxectivo de que en caso de non conseguir xente suficiente nun concello para un curso se poidan facer uníndose varios para poder impartilo nesta localidade sen ter que desprazarse a Lugo”.

O prazo para presentar as solicitudes nos Concellos remata o día 22 de xaneiro “para despois, en función do número de anotados, solicitalo cada un de nós a título individual ou de forma colectiva, agrupándonos en función do número de alumnos que haxa en cada concello”, sinalou a alcaldesa laurentina.

Descargar bando en PDF