50 familias apuntáronse para participar na ruta literaria dedicada a Fernández del Riego que se vai desenvolver mañá. Se a chuvia impide facer o percorrido a actividade trasladarase ao salón de actos do Concello

Lourenzá, 16 de maio de 2013. Cincuenta familias apuntáronse para participar na ruta literaria dedicada a Francisco Fernández del Riego, actividade que se vai levar a cabo en Lourenzá mañá, venres, a partir das 11 da mañá, para conmemorar o Día das Letras Galegas. En caso de que a chuvia impida facer o percorrido a actividade trasladarse ao salón de actos da Casa do Concello.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, anunciou hoxe que “está todo preparado para mañá, venres, levar a cabo o roteiro literario que este ano dedicamos a Francisco Fernández del Riego dentro dos actos conmemorativos do centenario do seu nacemento. Esta ruta nun principio está prevista para facerse nun traxecto de algo máis de dous quilómetros e medio de recorrido parando nos sitios máis emblemáticos da súa vida, tales como a casa, o Muíño do Frade, a capela da Gracia, diante do seu busto e rematar no quiosco do Cantón”.

“Pero como hai previsións de choivas temos unha alternativa, que sería desenrolar a mesma lectura de todos aqueles textos que temos elixidos polas persoas que xa están preparadas para facer as lecturas no salón de actos do Concello, en caso de choiva. A idea é reproducir con diapositivas todos lugares por onde temos pensado facer o roteiro e ler o que tíñamos previsto en cada un deses puntos”, explicou a rexedora municipal, que anima a participar “posto que temos moito que presumir de Francisco Fernández del Riego e non soamente vai haber lecturas dos seus textos senón que ao final do acto Manuel Román Ramos, a persoa que de xeito altruísta nos está axudando neste roteiro, ten preparada unha crónica para recordarlle a tódolos veciños e veciñas de Lourenzá a importancia que tivo este intelectual galeguista non soamente para os galegos e galegas senón tamén en concreto para os laurentinos”.

Emma Álvarez tamén deu a coñecer que “hai preto de 50 persoas apuntadas tendo en conta que se está facendo unha inscrición por familia para ter dereito a esa revista que editamos co gallo deste roteiro”.