As actividades para conmemorar o Día do Medio Ambiente remataron coa entrega de premios do Concurso Escolar de Fotografía e a charla do profesor Miguel Delibes de Castro

Lourenzá, 12 de xuño de 2013. As actividades celebradas en Lourenzá dende o día 1 deste mes para conmemorar do Día do Medio Ambiente remataron onte cun acto no que se entregaron os premios do concurso escolar de fotografía e houbo unha charla sobre a natureza a cargo do profesor do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) Miguel Delibes de Castro. Desenvolveuse no salón de actos da Casa do Concello, que estivo ateigado de público.


Na súa intervención a alcaldesa laurentina, Emma Álvarez Chao, lembrou as actividades celebradas no municipio para conmemorar o Día do Medio Ambiente dende o día 1 deste mes: “unha xornada de voluntariado que consistiu na limpeza dun bo tramo do río Baos; como ven sendo costume dende o ano 2008, acercamos ao Ceip Juan Rey unha actividade promovida polo Concello, neste caso pola biblioteca municipal, que foi unha sesión de contacontos na que o eixo principal era a conservación do medio ambiente así como do noso hábitat autóctono; e ao mesmo tempo, en colaboración co Ceip e co Instituto San Rosendo, de Mondoñedo, celebramos o concurso de fotografía escolar, que deu como resultado os 77 traballos que os rapaces e rapazas dos dous centros nos fixeron chegar e que durante toda esta semana están expostos”.

A rexedora municipal tamén comentou que “dende o equipo de goberno, xa dende a anterior lexislatura na que eu tiven a sorte de ser concelleira de Medio Ambiente, tratouse de celebrar este día cos máis novos do concello, porque cremos que son eles os que poden facer un papel imprescindible na conservación do noso medio. Cremos que dende pequenos deben ser educados coa máxima de respecto á natureza; toda manifestación de vida merece respecto xa que o noso mundo é o único que temos e debemos preservalo nas mellores condicións posibles para que as futuras xeracións tamén o poidan gozar”.

Emma Álvarez manifestou ademais que “aproveitando a presenza hoxe aquí de Miguel Delibes de Castro parece acaído recordar a frase do seu pai: La máquina ha venido a calentar el estómago del hombre pero ha enfriado su corazón, que de seguro cando el a escribiu non se refería á conservación da natureza pero ben podemos referirnos a ela si temos en conta que vivimos nun mundo materialista onde a tecnoloxía parece dominalo todo deixando de lado a base fundamental da supervivencia da especie humana, que é a conservación do noso planeta”.

A continuación entregáronse os premios do concurso fotográfico A Natureza na Mariña Lucense, acto no que participaron o director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García Borregón; o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente en Lugo, José María López Vega; o xefe do Servizo de Conservación da Natureza en Lugo, Antonio Callejo Rey; o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfonso Fuente Parga; a alcaldesa, Emma Álvarez Chao; e o concelleiro de Medio Ambiente en Lourenzá, Antonio Reigosa Pedreira.

 

E como colofón ás actividades enmarcadas en torno ao Día Mundial do Medio Ambiente en Lourenzá tivo lugar a charla do profesor do Consejo Superior de Investigaciones Científicas e presidente do consello de participación do espazo natural de Doñana, Miguel Delibes de Castro, baixo o título ¿Por que conservar a natureza?

Sobre o conferenciante a rexedora municipal comentou que “cando estes días oíamos que Miguel Delibes estaría en Lourenzá a máis dun deulle por pensar que iso desgraciadamente non é posible, pero todo nesta vida garda relación e evidentemente Miguel Delibes de Castro é o primoxénito do que foi un dos grandes novelistas da literatura española da posguerra e membro da Real Academia Española. Aínda que na mente dos que xa teñen un pouco máis de idade posiblemente estea presente Miguel Delibes pai, o currículo do doutor Delibes tampouco ten desperdicio. E dende logo a influencia literaria do seu pai xa está marcando parte do seu currículo, coas distintas publicacións especializadas na materia que domina, a bioloxía e a natureza en xeral, obras como La naturaleza en peligro ou La tierra herida: ¿qué mundo heredarán nuestros hijos?, moi acaído para a xornada de hoxe”.

Emma Álvarez engadiu que “o doutor Delibes estudou Ciencias Biolóxicas na Universidade Complutense de Madrid; tras licenciarse en 1969 realizou a tese doutoral en Doñana sobre a ecoloxía trófica do lince ibérico, que rematou no 77. Máis tarde, no 1988, foi nomeado director da Estación Biolóxica de Doñana, pertencente á Sociedade Española para o estudo e conservación dos mamíferos (SECEM). Desenvolveu un extenso labor como membro da Unión Internacional para a Conservación da Natureza, traballando en diversos grupos de investigación en España, Arxentina e México. Os seus traballos de campo e estudos científicos plasmáronse en multitude de obras (libros, artigos, etcétera) de carácter científico, requisito indispensable para ser recoñecido como científico relevante. É tamén notable a súa faceta como divulgador, iniciada nos seus anos de xuventude con Félix Rodríguez de la Fuente, traballando como redactor da Enciclopedia Salvat de la Fauna e noutras obras importantes. Está considerado como unha das máximas autoridades mundiais da chamada Bioloxía da Conservación e ao longo da súa dilatada carreira profesional recibiu numerosos premios e galardóns entre os que podemos citar: o Premio Nacional de Medio Ambiente Félix Rodríguez de la Fuente, no 2001; ao ano seguinte recibiu a distinción da Xunta de Castela León de Protección Ambiental; xa no 2003 recibiu o Premio á Protección do Medio Ambiente Rey Jaime I da Comunidade Valenciana; e no 2005 obtivo o Premio Nacional Alejandro Malaspina en Ciencias y Tecnologías de los Recursos Naturales. E de seguro que haberá máis que engadir a esta lista, para que o legado que deixe ao mundo da bioloxía sexa tan importante como o que no seu día deixou seu pai na literatura española”.