AGRADECEMENTO DO EQUIPO DE GOBERNO DE LOURENZÁ - FESTA DA FABA 2017

Moitas, moitísimas grazas ao pobo de Lourenzá.

Un ano máis celebrouse con enorme éxito unha nova edición de Festa da Faba.

Que sirvan estas liñas para agradecer a participación, a colaboración e o civismo que ano tras ano vén demostrando o noso pobo cando se celebran este tipo de eventos no noso municipio.

Somos conscientes, os que organizamos a Festa de Faba, dos problemas e molestias que ocasionamos durante estes días de festa: ruído, falta de aparcamento, caos circulatorio, molestias aos comerciantes, etc. Pedimos perdón e sabemos que contamos coa vosa comprensión na inmensa maioría dos casos. Agradecemos todas as aportacións positivas que nos acheguedes para corrixir os fallos e facelo mellor nas próximas edicións.

Grazas tamén por todos os comentarios e as felicitacións que recibimos, que foron moitísimas, por parte dos veciños e veciñas de Lourenzá. É a nosa obriga facelo o mellor posible, pero tamén nos gusta, como non pode ser doutra maneira, que sexa recoñecido o noso traballo.

Grazas moi especiais a todos os traballadores e traballadoras do concello. As nosas felicitacións polo traballo ben feito e pola vosa dedicación.

Grazas aos voluntarios de Protección Civil e a todas as asociacións e particulares que colaboraron con nós na celebración destas festas.

Esta fin de semana, Lourenzá converteuse no referente gastronómico de Galicia. Visitáronnos milleiros de persoas de dentro e de fóra da nosa Comunidade. Non somos nós os máis indicados para facer unha valoración dos resultados, pero pensamos que esta foi, sen dúbida, unha edición da Festa da Faba que será recordada por todos, tanto polas actividades programadas, como pola cantidade de visitantes que se achegaron durante estes días ao noso municipio.

A nosa misión consiste na exaltación do noso produto estrela, a faba, dala a coñecer a máis e máis xente, ano tras ano. Grazas ás fabeiras e aos fabeiros por colaborar con nós, polo seu traballo diario, polo seu esforzo e dedicación, por seren os protagonistas indiscutibles desta Festa.

Desde hoxe mesmo empezamos a traballar na próxima edición. Esforzarémonos para que a Festa da Faba 2018 sexa aínda mellor, mantendo os acertos e corrixindo os erros, que seguro que tivemos.

Ata unha nova edición da Festa da Faba.

Grazas, Lourenzá! Viva a Festa da Faba!

Equipo de goberno do Concello de Lourenzá

AGRADECEMENTO DO EQUIPO DE GOBERNO DE LOURENZÁ - FESTA DA FABA 2017