A alcaldesa critica á Deputación Provincial por respostar con demoras á solicitude de firma do convenio co Concello sobre o denominado Camiño A. Este vial pasa polas parroquias de San Xorxe, Santo Tomé e San Adriano

Lourenzá, 25 de marzo de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, critica ao goberno da Deputación Provincial de Lugo por seguir demorando a firma do convenio co Concello sobre a titularidade da estrada coñecida como Camiño A, que pasa polas parroquias de San Xorxe, Santo Tomé e San Adriano.

Emma Álvarez explicou esta mañá que o Concello de Lourenzá recibiu un escrito da Deputación Provincial de Lugo “en contestación a un que nosoutros lle enviáramos con data 4 de marzo para preguntarlles en que estado se atopaba o convenio entre o Concello e Deputación de Lugo para o denominado como Camiño A, que atravesa as parroquias de San Xorxe e Santo Tomé ata chegar a San Adriano”.

A rexedora municipal lembrou que sobre esta estrada “hai dous plenos provinciais nos que está aprobado que se vai firmar un convenio co Concello para o seu traspaso a cambio doutro anaco da mesma estrada da Deputación que pasa por tramo urbano. Estes plenos foron o 27 de febreiro de 2006 e o 30 de outubro de 2012. Parécenos que foi unha cortina de fume votar que si a unha moción que levaban os populares á Deputación o 30 de outubro de 2012 posto que dende aquela non se fixo nada ao respecto. Hai que ter en conta que xa existía un convenio, eu mesma teño aquí unha copia del e eu tamén por escrito lle dixen ao delegado de Vías e Obras da Deputación, o señor Martínez, que o Concello de Lourenzá está disposto a aceptar aquel convenio redactado por eles nos mesmo termos; simplemente habería que cambiar as datas e o nome do alcalde, porque ata como presidente da Deputación xa figura o actual, José Ramón Gómez Besteiro”.

Pero a contestación que dan dende o organismo provincial sobre o convenio “é que os técnicos da Deputación están estudando o procedemento e a elaboración do mesmo, o que é unha cortina de fume máis para non cumprir con un Concello que non é da cor política do equipo de goberno da Deputación de Lugo”, manifestou Emma Álvarez.