A Alcaldesa pechou coa Xunta e coa Fundación Penzol o calendario de actividades para conmemorar este ano o centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego. Os actos desevolveranse os días 17 de maio, 25 de xullo, 2 e 26 de novembro

Lourenzá, 26 de abril de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, reuniuse co secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo Suárez, para pechar o calendario de actividades que se desenvolverán no municipio este ano para conmemorar o centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego. Os actos, nos que tamén colabora a Fundación Penzol, serán os días 17 de maio, 25 de xullo, 2 e 26 de novembro.

 

A rexedora municipal lembrou que “o pasado 15 de febreiro o pleno do Concello de Lourenzá adoptou o acordo de dedicarlle o ano 2013 a don Francisco Fernández del Riego, que foi fillo predilecto do noso concello. Preténdese levar a cabo unha serie de actividades culturais e para iso escollemos cinco datas que foron cruciais na vida de don Paco e que están vinculadas con Lourenzá: unha delas foi o pasado 7 de xaneiro, data na que xa o recordamos por ser o día do seu nacemento”.

Emma Álvarez anunciou que o día escollido para seguinte actividade é o 17 de maio, “data moi importante para a lingua galega pero nós vamos centrar os actos en don Paco, porque no ano 1987, despois da Ditadura e tras recuperarse a democracia, viaxou por primeira vez a Lourenzá porque foi invitado polo Concello para descubrir unha placa na súa casa natal, que está na praza Linares Rivas. Tamén o mesmo día 17 de maio, pero dez anos máis tarde, no 1997, fixo entrega á biblioteca municipal Juana de Ibarbourou dun importante legado de fondos bibliográficos que foron incrementándose ano tras ano. Para conmemorar este día e vinculalo á súa figura temos pensado facer unha ruta literaria polos principais recunchos da nosa vila, para o que vamos empregar unha preciosa biografía de don Paco titulada Lourenzá, onde vai relatando as vivencias e os recordos da súa nenez e adolescencia nesta súa terra natal”.

O seguinte día escollido para facer actividades dedicadas a Fernández del Riego en Lourenzá é o 25 de xullo, que “é o Día de Galicia e no ano 1931 aconteceu un feito transcendental na vida do noso concello, xa que don Paco pronunciou dende o balcón municipal unha proclama conmemorativa respecto ao Día de Galicia. Por ese motivo o que estamos pensando, coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura e da Fundación Penzol, é recuperar o texto desa proclama que fixo dende o balcón e tratar de reproducila o vindeiro 25 de xullo”, explicou a alcaldesa.

A penúltima data elixida é o 2 de novembro porque, segundo lembrou a rexedora, “ese foi o día no que no ano 2001 don Paco foi nomeado fillo predilecto do Concello de Lourenzá. Para celebrar esta data contaremos, unha vez máis, coa colaboración da Fundación Penzol e da Secretaría Xeral de Cultura para expoñer unha mostra que está a realizar neste momento a Fundación Penzol e que leva por título Francisco Fernández del Riego, 100 anos. Ao mesmo tempo temos pensado facer unhas conferencias onde destaque a figura de don Paco non soamente como historiador e galeguista, senón tamén como persoa vinculada a noso concello”.

As actividades do ano dedicado a Francisco Fernández del Riego rematarán o 26 de novembro, que é o día do seu falecemento “e estamos pendentes de mirar que actos se van desenvolver nesa data”, explicou Emma Álvarez.

Escoitar declaracións