A alcaldesa segue sen lograr que a reciba o vicepresidente primeiro da Deputación, que tampouco a atende por teléfono dende hai seis meses. Antonio Veiga non asiste aos actos que se celebran no municipio a pesar de ser invitado polo Concello

Lourenzá, 31 de maio de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, segue sen lograr que a reciba o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial de Lugo, Antonio Veiga, que tampouco atende as chamadas telefónicas da rexedora dende hai seis meses nin asiste aos actos que se celebran no municipio a pesar de ser invitado polo Concello. A alcaldesa lembra que fai mes e medio Veiga respondeulle a través dos medios de comunicación que a recibiría pero segue sen saber cando se celebrará a xuntanza.

“Dado que ao vicepresidente primeiro da Deputación, o noso veciño mariñán Antón Veiga, lle gustan máis os medios de comunicación que o trato directo, unha vez máis recorro a estes medios para poñer de manifesto o desprezo total que el ten cara aos laurentinos, non só por non recibirme a min como alcaldesa, que son a representante dos veciños e veciñas de Lourenzá, senón tamén porque non se digna nin tan sequera a vir aos distintos actos que organizamos dende o Concello e, como de costume, seguimos invitándoo. Sen ir máis lonxe o pasado 17 de maio o máximo defensor da cultura e do galeguismo na Mariña, o señor Antón Veiga, nin tan sequera apareceu por aquí para homenaxear a Francisco Fernández del Riego como propulsor do Día das Letras Galegas, pese a chamalo varios días antes e incluso falar coa súa asesora, a señora Abraira. Xa non só lle pedimos apoio económico, que por certo non nos deron para poder celebrar este centenario pero que si recibimos da Xunta de Galicia e tamén da Fundación Penzol, pero polo menos que nos acompañe nos días sinalados como calquera outro cargo público, sexa ou non da cor política que goberna en Lourenzá”, manifestou Emma Álvarez.

A alcaldesa tamén explicou que “en días pasados publicábase un slogan da Vicepresidencia Primeira, que era Futuro para A Mariña, e eu pregúntolle ao señor Veiga: ¿Lourenzá non é da Mariña? ¿Que teñen outros concellos onde si aproban convenios por cantidades importantes de diñeiro e ao de Lourenzá nin tan sequera o escoita? ¿Que ou quen impide que non me reciba para tratar temas de interese para os veciños e veciñas de Lourenzá? Hoxe mesmo volvín chamar, como veño facendo todas as semanas, á súa secretaria e non foi quen tampouco de escoitarme a través da liña telefónica. Non me recibe nin tan sequera se pon ao teléfono, non contesta as miñas mensaxes ao móbil. Hoxe pretendía, aparte de falar con el por temas de interese para Lourenzá, felicitalo por ese novo cargo. Como non fun quen de poder facelo vía telefónica mandeille un saúda, a ver se o le polo menos”.

A rexedora municipal recordou que “vai xa para seis meses dende que pedimos unha cita para falar con el varios temas de interese para o concello: un deles xa por desgraza non puido ser, pois era buscar o apoio da Deputación de Lugo para a celebración do ano Francisco Fernández del Riego con motivo de conmemorar o centenario do seu nacemento. Xa que non me contesta non me queda máis remedio que dicilo publicamente para que todos os veciños e veciñas de Lourenzá o saiban. Ao mesmo tempo enviarei unha solicitude pedindo apoio económico para a Festa da Faba, o mesmo apoio económico que víñamos recibindo dende fai anos, 4.000 euros. Esa mesma solicitude que mandamos por correo ao señor vicepresidente da Deputación tamén a levaremos en forma de moción ao próximo pleno municipal”.

Emma Álvarez rematou engadindo que “simplemente queremos unha cita con el para falar de temas relacionados con Lourenzá, do deporte e a cultura, que son os temas que el leva. E só me queda dicir que é máis difícil falar con el que co propio presidente da Xunta e mesmo que co presidente da Deputación de Lugo, que en tan só dúas semanas non me recibiu el pero si me derivou á persoa que me tiña que atender para un tema concreto, que era o señor Martínez, persoa coa que en calquera momento podo falar e temos un trato cordial e continuo vía telefónica. Só pido cordialidade e que teñan presente que Lourenzá, aínda que estea gobernado polo Partido Popular, tamén é da Mariña e da provincia de Lugo. Polo tanto a Deputación de Lugo tamén se debe ao Concello de Lourenzá”.