COMEZARON AS OBRAS PARA ARRANXAR DÚAS PONTES DO MUNICIPIO QUE ESTABAN DERRUÍDAS DESDE AS RIADAS QUE HOUBERA EN OUTUBRO DE 2014

A alcaldesa de Lourenza, Rocío López, anunciou hoxe que acaban de comezar as obras para arranxar dúas pontes do municipio que estaban derruídas desde as riadas que houbera en outubro do ano 2014.

A rexedora municipal explicou que “unha delas é a ponte de Gallardo, na parroquia de San Adriano, e a outra está no lugar de Combre, en Santo Tomé. Para a realización destas obras o Concello firmou un convenio de cooperación coa Consellería de Medio Rural, da Xunta de Galicia.

Logo de máis de un ano con dous camiños municipais cortados, estas obras permitirán restablecer o tráfico nestas vías e volver, por fin, á normalidade nas parroquias afectadas”. Por este motivo, a alcaldesa mostra hoxe a súa satisfacción, “xa que, logo de moitos meses de trámites, as obras son unha realidade”.

Rocío López engadiu: “unha vez rematados os traballos procederase á apertura das vías para a súa circulación. Lamento que os traballos non se tiveran executado antes e agradezo a paciencia por esta espera que tiveron os veciños afectados. Aproveito tamén para pedir desculpas a tódolos veciños que ó longo de máis dun ano se viron na obriga de facer longos desvíos para poder acceder ás súas vivendas e negocios”.

 

COMEZARON AS OBRAS PARA ARRANXAR DÚAS PONTES DO MUNICIPIO QUE ESTABAN DERRUÍDAS DESDE AS RIADAS QUE HOUBERA EN OUTUBRO DE 2014