A CONCELLERÍA DE CULTURA CONVOCA O PRIMEIRO CERTAME DE TEATRO AFECCIONADO, QUE SE CELEBRARÁ EN NOVEMBRO DESTE ANO

O Concello de Lourenzá, por medio da Delegación de Cultura, convoca o primeiro de teatro afeccionado, que se celebrará en novembro deste ano.

O concelleiro de Cultura, Manuel Arango Ron, anunciou: “na xunta de goberno local aprobamos as bases do primeiro Certame de Teatro Afeccionado Concello de Lourenzá, que se celebrará durante o mes de novembro deste ano. O prazo de inscrición dos grupos rematará o día 30 de setembro”. De entre todos os grupos que se inscriban, un xurado presidido polo edil de Cultura seleccionará un máximo de 8 agrupacións.

Manuel Arango explicou que “as representacións terán lugar os sábados e domingos de novembro e o primeiro domingo de decembro celebrarase unha gala, na que se entregarán os premios: o Conde Santo, á mellor representación, estará dotado con 600 euros e trofeo; os premios Lourenzo, ao mellor actor, e Ana, á mellor actriz, e tamén haberá outros premios aos mellores actor e actriz de reparto, que todos eles recibirán un trofeo. Ademais todos os grupos seleccionados que participen recibirán a cantidade de 300 euros en concepto de participación, desprazamento, montaxe, etcétera”.

Arango engadiu que “a idea de organizar este certame xorde ao ver o interese que as representacións teatrais espertan entre os veciños e veciñas de Lourenzá, que fai o que salón de actos do Concello quede pequeno para acoller a gran cantidade de público que asiste a elas”.

O concelleiro de Cultura tamén comentou que “parte do orzamento necesario para o financiamento deste certame corre a cargo do Plan Único da Deputación Provincial”.

Manuel Arango rematou manifestando: “agardamos que esta iniciativa teña unha boa acollida entre os grupos teatrais da provincia e tamén facemos extensiva a invitación aos grupos e compañías do Occidente asturiano, xa que nas bases tamén aparece recollido que o idioma preferente sexa o galego en calquera das súas variantes dialectais. O prazo de inscrición abrirase no momento en que se publiquen as bases na páxina web do Concello, que será a próxima semana. Alí aparecerá unha ficha que se poderá descargar e que deberán cubrir os grupos interesados e que deben acompañar coa documentación necesaria que aparece recollida nas bases. Agardamos que sexa un éxito e dentro de pouco presentaremos o cartel anunciador deste certame de teatro”.

Descargar bases do Certame (PDF)