A Concellería de Educación organiza un obradoiro de baile moderno e hip hop. A primeira sesión será para nenos de 6 a 12 anos no colexio Juan Rey o vindeiro luns e a actividade ampliarase a rapaces de ata 24 anos na Semana Santa

Lourenzá, 8 de marzo de 2013. A Concellería de Educación de Lourenzá oferta unha actividade baseada no baile moderno e no hip hop, que “está encamiñada a nenos dende os 6 anos e a rapaces de ata 24”, anunciou a concelleira Lupe Flórez Seivane, que explicou que “este vindeiro luns, día 11 de marzo, vai ter lugar a primeira experiencia desta actividade no Ceip Juan Rey. Ao longo de toda a mañá en grupos de distintas idades os nenos de Primaria poderán achegarse ao mundo do baile moderno e concretamente do hip hop”.

Flórez explicou que o obxectivo da actividade do luns é “que sirva como unha especie de motivación e que na vindeira Semana Santa (o luns, martes e mércores desa semana a finais de marzo) poidan disfrutar desta actividade dunha maneira máis continuada ao longo de diversas sesións nestas vacacións do colexio”.

A concelleira de Educación engadiu que “ luns vai ser para nenos de 6 a 12 anos, pero nas vacacións de Semana Santa ímolo abrir a un público máis diverso. Poderanse anotar rapaces dende os 6 anos ata os 24. Todas aquelas persoas interesadas en participar ou informarse sobre esta actividade poderán facelo na biblioteca municipal polas tardes en horario de cinco a oito dende o vindeiro luns, día 11 de marzo, e ata a semana previa ás vacacións de Semana Santa para articular os grupos que van participar na mesma e poder facer unha distribución por idades que facilite o traballo da persoa encargada de impartir este obradoiro de baile moderno”.