A DELEGACIÓN MUNICIPAL DE DEPORTES ORGANIZA A PRIMEIRA MILLA POPULAR CONCELLO DE LOURENZÁ, QUE SE CELEBRARÁ O 29 DE XULLO

A Delegación Municipal de Deportes organiza a primeira Milla Popular Concello de Lourenzá, que se celebrará o día 29 de xullo, sábado.

Anunciouno hoxe o concelleiro de Deportes, Francisco Dasilva, quen explicou: “contaremos coa colaboración das dúas entidades deportivas que temos na vila en materia de atletismo: o Club Atletismo Lourenzá e as Escolas Deportivas Lourenzá; así como de Protección Civil, para o bo desenvolvemento da proba”.

Francisco Dasilva destacou a importancia da celebración desta primeira milla “tanto pola súa novidade como pola repercusión que terá a nivel deportivo, xa que gozará de moita afluencia de atletas. Ademais estudarase a colaboración e patrocinio de varias entidades e da hostalería local, co fin de que o sábado 29 de xullo Lourenzá sexa unha festa deportiva”.

O edil de Deportes especificou que “comezará ás 19:30 horas e haberá carreiras para todas as categorías: Pitufos, Prebenxamín, Benxamín, Alevín, Infantil, Cadete, Xuvenil, Sénior, Veteranos A,B,C e D, tanto masculinos como femininos. Os pitufos e prebenxamín percorrerán unha breve distancia; de Benxamín a Infantil, 800 metros; e de cadete a veterano, os coñecidos 1.609 metros. O circuíto consta dunha distancia de 800 metros, case totalmente chairo en pleno casco urbano de Lourenzá, ó que os maiores darán dúas voltas. En breve abriremos inscricións e comentaremos máis novidades”.