Este mediodía foron aprobados os presupostos municipais para 2013, que contaron co apoio do equipo de goberno e a abstención dos partidos da oposición

Lourenzá, 28 de decembro de 2012. Cos votos a favor do PP e abstención dos partidos da oposición foron aprobados os presupostos municipais de 2013 que ascenden a 1.700.000 euros. Os orzamentos sofren un incremento do 3’76% con respecto aos deste ano “debido á subvención que nos foi concedida para rehabilitar o Pazo de Tovar”, segundo lembrou esta mañá a alcaldesa, Emma Álvarez.

O capítulo de gastos de persoal baixa un 4’45% e increméntase nun 59’68% o capítulo de investimentos, que contempla 76.000 euros para o mantemento de pistas, estradas e bens de uso público. A Servizos Sociais destínanse 195.000 euros e a Educación, Cultura, Deportes e Sanidade 498.000 euros. Os presupostos de 2013 contemplan unha partida de 10.000 para a festa da faba e outra de 2.000 para o domingo de piñata. Éstas están incluidas dentro da partida de actuacións de carácter económico que ascende a 134.000 euros.

A rexedora subliñou que se trata duns presupostos realistas, rigorosos e austeros.

No pleno extraordinario celebrado esta mañá tamén de aprobou o padrón de habitantes de Lourenzá, que a 1 de xaneiro de 2012 se sitúa en 2.399 persoas, das que 1.154 son homes e 1.245 mulleres. O padrón baixou en 50 persoas con respecto ao de 1 de xaneiro de 2011. Nese ano houbo 7 nacementos en Lourenzá e 39 falecementos, e o resto ata chegar aos cincoenta obedece a cambios de domicilio, fundamentalmente de residentes extranxeiros.