A FABEIRA DA PARROQUIA DE SANTO TOMÉ GEMA IGLESIAS RECALDE CONSIDERA “UN HONRA” SER A PROGOEIRA DA FESTA DA FABA 2017

Lourenzá, 22 de setembro de 2017. A fabeira da parroquia laurentina de Santo Tomé Gema Iglesias Recalde, que foi a primeira presidenta do Consello Regulador da Faba de Lourenzá, considera “un honra” ser a pregoeira da Festa da Faba 2017. O acto celebrarase na Praza do Conde Santo o día 30 deste mes, sábado, ás 12 do mediodía.

Gema Iglesias Recalde explicou: “para min é unha honra ser pregoeira, aínda que ao mellor debería selo miña nai, que foi unha das primeiras envasadoras Faba de Lourenzá que houbo. Pero tocoume a min e é unha honra poder difundir o que é o noso produto, como fixen ata agora sendo a presidenta, a través de todos os medios, para facela un pouco máis coñecida a nivel de España, de Europa e creo que nalgún outro país. Para min iso supuxo moito e estou contenta de facelo e de seguir facéndoo, porque vou seguir loitando polo noso produto”.

A pregoeira engadiu: “aínda non sei moi ben de que vou falar, pero creo que vou contar o que eu vivín desde nena. Na miña casa xa se cultivaban fabas cando eu nacín e xa o facía antes miña avoa e creo que vou falar no pregón sobre a evolución do produto. Teño pensado facer iso pero escrito non está aínda”.

Gema Iglesias comentou tamén: “sempre me gustou a agricultura, dediqueime a ela e sígoo facendo. Non estou para nada arrepentida, porque é unha profesión que ás veces é laboriosa e dedícaslle moitas horas, pero tamén podo dicir que teño moitas horas libres cando quero. Non estou ás ordes dun xefe e para min iso é fundamental. Polo que vivín desde que era nena ata hoxe o mundo faba cambiou moito”.