Faleceu José María López Noceda, que fora Alcalde de Lourenzá, o primeiro Presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña e Deputado Autonómico. A Capela Ardente quedará instalada na Casa do Concello o Luns, dende as 10 h e será enterrado o Martes.

Lourenzá, 10 de febreiro de 2013. José María López Noceda faleceu ás oito e media da tarde de hoxe, domingo, no Hospital da Costa, de Burela, aos 81 anos de idade. A capela ardente cos restos mortais do que fora alcalde de Lourenzá, primeiro presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña e deputado autonómico do Partido Popular quedará instalada na Casa do Concello dende mañá, luns, ás dez da mañá. Así o anunciou a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, despois de falar cos representantes dos dous grupos de oposición na corporación (PSOE e BNG), que se amosaron a favor. Tamén acordaron decretar dous días de loito oficial e que as bandeiras do Concello ondeen a media asta e con crespón negro.

A rexedora municipal tamén deu a coñecer que o rosario será mañá, luns, ás nove da noite na igrexa parroquial e o funeral celebrarase o martes ás cinco da tarde.

José María López Noceda, que naceu en San Xusto de Cabarcos (Barreiros) o 25 de xullo de 1931, fora alcalde de Lourenzá dende 1973 ata 1990 cando deixou o cargo para tomar posesión como deputado no Parlamento de Galicia polo Partido Popular. Tamén foi o primeiro presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, creada en 1982.