LOURENZÁ ACOLLERÁ UNHA CONCENTRACIÓN DE SCOOTERS, MOTOS E COCHES CLÁSICOS O DÍA 18 DESTE MES, XOVES SANTO. ESTÁ ORGANIZADA POLA ASOCIACIÓN VESPAFABA&CLÁSICOS E COLABORA O CONCELLO

Lourenzá acollerá unha concentración de scooters, motos e coches clásicos o día 18 de este mes, Xoves Santo. Esta actividade está organizada pola asociación VespaFaba&Clásicos Lourenzá e colabora o Concello.

O presidente do colectivo organizador da Reunión Amigos de VespaFaba&Clásicos, Fran Rivas Dasilva, explica que “este é o cuarto ano que se fai en Xoves Santo e nesta ocasión coincide co torneo de baloncesto, ao que virá xente de diferentes puntos da Península, e vai ser un aliciente moi bo mesturar o terreo do deporte cos clásicos. Encima a asociación Conde Santo tamén se implica e fai unha sesión vermú e verbena á noite, na que actuará incluso a orquestra Panorama. Entón eu creo que vai ser un día moi interesante, a ver se nos acompaña o tempo e creo que imos pasalo moi ben. Xa temos xente que vai vir de diferentes puntos de Galicia e de Asturias, en coches e motos. Ademais o ano pasado empezamos cos colegas de Vespa Lugo Equipo de Rescate, que é o noso club de Vespas da provincia de Lugo, a facer as xincanas de scooters, e imos repetir esta actividade porque nos gustou moito, pásase moi ben coas Vespas nos obstáculos e nun trampolín que temos, polo que é recomendable para calquera que queira velo. E comeremos no Campo da Feira, que é onde fan a festa os da asociación Conde Santo”.

Fran Rivas engade que “xuntamos motos e coches clásicos e todos os que sexan afeccionados a este mundo que nos acompañen, están invitados, tanto se queren inscribirse como se non. Se alguén quere acercarse e por calquera circunstancia non quere apuntarse pode estar igual con nós, non hai ningún problema. E para inscribirse temos un teléfono (689.00.80.73), ao que se pode chamar ou vía whats app”.

Os organizadores da 4ª Reunión Amigos de VespaFaba&Clásicos esperan xuntar uns 50 ou 60 vehículos.

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, comenta que “o Concello apoia unha vez máis, igual que noutras ocasións, esta concentración de VespaFaba&Clásicos que terá lugar o 18 de abril, coincidindo coa Semana Santa. Esta quedada traerá ó noso concello xentes chegadas doutras localidades que virán gozar desta ponte festiva a Lourenzá. É unha Semana Santa que acollerá tamén, un ano máis, o Torneo de Basket Feminino Lourenzá en Xogo, no que participan equipos chegados de distintos lugares de España e Portugal. Vai ser unha ponte chea de moitas actividades, na que tampouco faltará o toque de festa da man da orquestra Panorama o xoves 18 deste mes, evento organizado pola comisión de festas do Conde Santo. E o Concello colabora, igual que fai sempre, na organización de todas as actividades incluídas na programación da Semana Santa laurentina”.