Luis Lamas, presidente de Sogama, imparte en Lourenzá unha charla informativa sobre a reciclaxe

Cerceda, a 22 de xaneiro de 2013.- O presidente de Sogama, Luis Lamas, impartirá no concello de Lourenzá (Lugo) unha charla informativa sobre reciclaxe e xestión de residuos urbanos dirixida ao público en xeral. A cita será o próximo martes, día 29, no Salón de Actos da Casa da Cultura municipal, e terá lugar ás 19:30 horas, estando aberta a todos os veciños interesados que desexen participar na mesma.

Baixo o título “A reciclaxe, un logro que nos implica a todos”, a intervención do máximo responsable da Sociedade Galega do Medio Ambiente centrarase fundamentalmente en analizar a problemática ambiental, económica e social que trae consigo a produción de lixo, aínda moi elevada a pesar de crise económica, así como os instrumentos ao alcance da cidadanía para facer fronte á mesma.

Neste sentido, incidirá nas posibilidades que ofrece a estratexia dos tres erres, a través da cal se da a oportunidade de contribuir, de forma individual e colectiva, a unha xestión máis sostible dos refugallos que xeramos a cotío. Así, falará das vantaxes que ten o consumo responsable, donde cobra especial protagonismo a planificación das compras de produtos perecedeiros, evitando superar a data de caducidade, e tamén da importancia que acada neste contexto a reutilización, alongando a vida útil dos produtos para sacarlle o maior proveito.

A axeitada separación do lixo por tipoloxías acaparará gran parte do seu relatorio, toda vez que aínda non acadou na nosa comunidade os niveis desexados. De feito, as taxas de reciclado en Galicia están por baixo das medias estatais e europeas, polo que se precisa un maior esforzo cidadá no plano da concienciación.

Recoñece que, se ben a alta dispersión da poboación galega pode suponer unha traba neste labor, o certo é que non debe utilizarse como excusa, pois por mor doutras actividades, os desprazamentos dos veciños son habituais, polo que deben aproveitarse para transportar o lixo aos contedores máis próximos ás vivendas.

Neste sentido, recordará que o contedor amarelo está deseñado para recoller os envases de plástico, as latas e os briks, pero nunca plásticos que non sexan envases nin envoltorios; e no contedor azul, o papel e cartón, debendo liberalo previamente de elementos accesorios tales como anelas, grampas e espirais, e evitando o depósito de papeis plastificados, de calco, sucios e con restos de graxa. Respecto ao iglú verde, incidirá en que os usuarios deben arroxar ao mesmo as botellas, os frascos e os tarros de vidro, pero sen os tapóns. Lamas tamén falará da recollida selectiva de aceite doméstico, pilas e residuos de carácter especial tales como voluminosos, tóxicos e perigosos.

Explicará igualmente que este proceso de recollida segregada por parte da cidadanía compleméntase coa actividade de Sogama a través da recuperación enerxética da parte non reciclable; un cometido que a entidade leva a cabo coas máximas garantías medioambientais, poñendo en valor aqueles residuos que, dadas as súas características, estarían condenados a acabar nun vertedoiro sen aproveitamento algún e, o que é peor, xerando un considerable risco ecolóxico.

 

LOURENZÁ, PIONEIRO NO PROGRAMA DE COMPOSTAXE DOMÉSTICA PROMOVIDO POR SOGAMA

Luis Lamas reservará parte da súa alocución en falar do programa de compostaxe doméstica impulsado por Sogama hai tres anos e á que xa se adscribiron preto de 1.200 fogares. Cinco concellos da Mariña lucense, isto é, Alfoz, Barreiros, Cervo, Trabada e Lourenzá, foron os primeiros en sumarse a esta iniciativa con 200 fogares (49 dos cales pertencen a Lourenzá). A dilixencia dos gobernos locais, o interese dos veciños participantes e o coidadoso desenvolvemento da campaña informativa deseñada, constituiron factores que influiron decisivamente no éxito da iniciativa, acreditado a raíz dos resultados obtidos tras a análise do compost resultante por parte da Universidade de Santiago de Compostela, quen constatou que este reunía todos os requisitos de calidade para ser aplicado con absolutas garantías nos xardíns, hortas e terras de cultivo.

Con este proxecto, o concello de Lourenzá, ao igual que o resto das localidades, pretende reducir a presenza de materia orgánica nos contedores xenéricos, diminuindo así a frecuencia de transporte e o importe da factura que mensualmente debe pagar a Sogama pola xestión do residuo en masa. Ao mesmo tempo, quere que as vivendas que contan con composteiros pechen o ciclo da reciclaxe in situ, obtendo un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo.