A mellora de viais cun investimento de 54.987 euros do PEIM está a punto de rematar. A maioría das obras xa están executadas, segundo anunciou hoxe o concelleiro Dino Vidal

Lourenzá, 16 de novembro de 2012. O Concello de Lourenzá está levando a cabo obras para mellorar viais en varias parroquias do municipio. O investimento total destas actuacións ascende a 54.987 euros con cargo ao plan PEIM e están a punto de rematar. O concelleiro de Obras, Dino Vidal, está supervisando a execución dos traballos e explicou que “se están levando a cabo asfaltados, reparacións e limpeza de cunetas”.

Entre os lugares onde se está actuando, Dino Vidal citou “a pista de Penelas, en San Adriano, que é unha das que máis cartos leva neste presuposto, con 7.900 euros; a ponte en Canedo; un asfaltado na ponte que se fixo sobre o río do Batán; e unha escollera na Pateira, todo isto na parroquia de San Adriano”.

En canto á parroquia de Santo Tomé limpouse e acondicionouse na área do Pereiro e o paseo do río Baos e fixéronse dous asfaltados: “na entrada da casa de Mando, que é un terreo público, e a pista que vai a casa de Adán”, explicou o concelleiro de Obras.

Sobre as obras en San Xurxo, Dino Vidal dixo que “falta por facer unha entrada, que vai en formigón, no Foro, que é unha pista que cando a Deputación asfaltou a estrada que vai de Santo Tomé a Arroxo quedou moi pendente e deixou unha zona en malas condicións e hai que solucionar este problema”.

Outras actuacións que se están levando a cabo en viais de Lourenzá son reparacións do asfalto e limpeza de cunetas en varias pistas, que “estaban en moi malas condicións”, segundo comentou o concelleiro de Obras, quen anunciou que “nun prazo moi breve vai estar todo terminado, porque xa está moi avanzado o traballo; falta soamente o que se fará con formigón” .