Na campaña de mercados dominicais da Faba, que rematou hoxe, vendéronse 51.801 quilos, un 52 por cento menos que o ano pasado. Os prezos oscilaron entre os 3,8 € e os 5 € o quilo

Lourenzá, 23 de decembro de 2012. Esta mañá rematou a campaña de mercados dominicais de faba en Lourenzá, aínda que hoxe non houbo ventas pola falla de compradores e a asistencia de vendedores foi escasa. Durante este ano vendéronse 51.801 kilos, un 52 por cento menos que no ano 2011 e os prezos oscilaron entre os 3,8 e os 5 euros o kilo. Este datos foron dados a coñecer pola alcaldesa, Emma Álvarez Chao, quen considera que demostran a necesidade de crear unha cooperativa para mellorar a comercialización do produto.

A rexedora municipal explicou que nos mercados dominicais “véndense fabas do ámbito xeográfico da IXP Faba de Lourenzá, pero non pasan a través da marca por ser transaccións a granel” e deu a coñecer hoxe que os “quilos de faba comercializados dende que se iniciou a campaña, o 16 de setembro, ata o pasado domingo foron 51.801, segundo os datos que nos facilitan os propios compradores. Esta cantidade é un 52 % inferior do ano pasado, que dende o 2009 foi no que máis venta houbera, e a deste ano é incluso un 42% máis baixa que a media das tres últimas campañas”.

Emma Álvarez considera que o motivo fundamental da baixada na cantidade de fabas vendidas “son os prezos, referente en moitos dos casos para as plantacións da campaña seguinte. Tendo en conta os tres últimos anos o mellor en canto a prezos foi o 2010, no que estiveron en torno aos 6,20 €/kg. Isto fixo que no 2011 aumentara o terreo sementado e polo tanto os quilos vendidos”. Pero a baixada de prezo rexistrada no 2011, na que se vendeu a faba entre 4 e 5 euros, deu como consecuencia que os inscritos no rexistro de fabeiros que leva o Concello descendera nun 32 % (este ano houbo 289) e en consecuencia tamén baixaron as hectáreas sementadas, que este ano foron 138, preto dun 20% menos de terreo destinado a esta leguminosa que no 2011”.

Ante esta situación o análise que fai a alcaldesa sobre o que está sucedendo coa produción da faba de Lourenzá é que “por un lado é mercada por compradores asturianos, que a venden en Asturias como si fora faba desa comunidade e, por outra parte, a falta de unión entre os produtores fai fortes aos vendedores e con por iso o prezo non acaba de recuperar e empeza a cuestionarse a súa rentabilidade”.

Por todo isto Álvarez Chao considera que “chegou o momento de concentrar a produción en torno a unha figura de agrupación, que ben podía ser a ansiada cooperativa da que estamos a falar xa dende o 2007, para acadar a forza necesaria no mercado e consolidar o valor da nosa faba, que manteña un prezo estable e que se poida incrementar a produción en función das demandas do mercado. Debemos ser capaces todos xuntos de abrir novas vías de comercialización, non só para a envasada, senón que igual é o momento de plantexarse dar un paso máis e empezar a elaborar o produto”.

A rexedora recoñece que “son malos os tempos para a inversión, pero temos o compromiso do Xunta de votarnos unha man para aglutinar a produción a fin de mellorar a comercialización deste produto, como dixo o Secretario Xeral de Medio Rural no encontro que mantiven con el en Santiago o xoves pasado”.