No pleno 19 de novembro a corporación municipal gardou un minuto de silencio con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero e haberá outros actos

Lourenzá, 19 de novembro de 2012. Os concelleiros de Lourenzá que asistiron ao pleno da corporación municipal celebrado hoxe gardaron un minuto de silencio para lembrar ás vítimas da violencia de xénero polo día internacional contra esta lacra, que se conmemora o vindeiro domingo. Con este motivo o Concello organiza varias actividades máis durante esta semana, como anunciou a alcaldesa, Emma Álvarez Chao.

A rexedora municipal explicou que a Casa do Concello de Lourenzá lucirá na súa fachada un lazo malva “como símbolo de repulsa a estes feitos” e haberá un libro branco de firmas desde este venres ata o día 30 deste mes nas oficinas municipais e o domingo polo mañá na entrada da Casa do Concello “para todas aquelas persoas do municipio ou que pasen por el e que queiran deixar a súa pegada cunha frase como repulsa ante este feito violento cara as mulleres ou cara aos homes tamén, porque é o Día Internacional contra a Violencia de Xénero”.

Por outra parte, Emma Álvarez salientou que no pleno de hoxe foron aprobados por unanimidade varios asuntos entre os que citou a ordenanza municipal reguladora do uso e aproveitamento de vías públicas e pistas forestais. “Estábamos pendentes dunha alegación feita pola confederación de empresarios madeireiros (Confemadera) e resolvemos non aceptar esa alegación ao completo pero si recollemos algunha proposta de modificación no referido a que non é necesario ter licenza municipal para a tala ou corta de madeira; o que o Concello pide é simplemente que os madeiristas soliciten unha autorización para utilizar as vías públicas. Entendemos que desta maneira non estamos a interferir no que é a actividade madeireira senón que estamos a regular o uso das pistas municipais polas cales circulan e fan este aproveitamento privado. E consideramos oportuno aprobar esta ordenanza porque nos parece sumamente importante que se manteñan as pistas en bo estado porque si se estragan ao final vanse amañar cos cartos de todos nós. Polo tanto parécenos importante que se fagan responsables dos danos aqueles que os producen”.

En canto á actualización do IPC nas taxas municipais para 2013 foi aprobado polos concelleiros do goberno local do PP e votado en contra polos concelleiros do Partido Socialista. O representante do Bloque Nacionalista Galego non estivo presente no pleno de hoxe.