O Concello anima a crear unha cooperativa para comercializar a Faba cunha exposición da Xunta que estará na lonxa do mercado gandeiro do 28 ao 31 deste mes

Lourenzá, 25 de maio de 2013. O Concello promove a creación dunha cooperativa para comercializar a faba de Lourenzá. Por iso do 28 ao 31 deste mes haberá unha exposición da Xunta sobre o funcionamento das cooperativas instalada na lonxa do mercado gandeiro.

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Charo, explicou que “tanto no concello de Lourenzá como no resto da Mariña, que é o ámbito que recolle a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá, cada vez son máis os produtores que se especializan en sacar ao mercado un produto de boa calidade e que corresponda co recoñecemento que a Unión Europea lle ten outorgado xa dende o ano 2009. Non obstante é de sobra manifesta a necesidade de mellorar na comercialización conxunta deste produto. Por ese motivo dende o Concello en diversas ocasións se fixeron xornadas de promoción e fomento do cooperativismo, coincidindo precisamente a última delas no ano 2009. Para esta xornada elaborouse un estudo de viabilidade que se expuxo aos asistentes e mesmo incluso o ano anterior fíxose unha similitude entre a IXP Faba de Lourenzá e IXP Ternera Gallega, centrándose no plano da comercialización e poñendo como exemplo a cooperativa de segundo grado Artesáns Gandeiros, que comercializa a maior parte do gando vacún de Galicia a través da IXP”.

Emma Álvarez engadiu que “moitos veciños da Mariña están comercializando o seu gando coa cooperativa de segundo grao a través de Os Irmandiños. Polo tanto é un sistema que podía ser moi válido tamén para o caso da faba. Inclusive o ano pasado o pregoeiro da Festa da Faba avogou pola unión dos produtores para comercializar de xeito conxunto o seu produto”.

“Sabemos que temos un bo produto, que sabemos producir, pero falla a comercialización. Por ese motivo sempre dende o Concello estamos intentado fomentar a creación dunha cooperativa para que os produtores de faba dalgún xeito se unan”, comentou a rexedora municipal, quen lembrou que “mesmo temos exemplos no concello de cooperativas que existiron fai anos. como por exemplo a Sociedade Cooperativa de socorros mutuos San Rosendo, na parroquia de San Xurxo, que estivo en activo ata fai pouco máis de dúas décadas. Era unha cooperativa que naceu co espírito de indemnizar aos seus socios pola morte ou aborto do gando vacún que posuían en función do capital asegurado. Cooperativas similares a esta tamén existiron noutras parroquias e mesmo no veciño concello de Barreiros. Se os veciños daquela produtores de leite foron quen de unirse e sumar esforzos para facer rendibles as súas explotacións parece que, décadas despois, co avance que viviu a sociedade, estamos nun momento no que, tendo a necesidade que temos de comercializar conxuntamente, hai que empezar a falar moi en serio dunha cooperativa comercializadora da faba de Lourenzá”.

Por estes motivos ao goberno municipal pareceulle interesante solicitar á Consellería de Traballo unha exposición itinerante, denominada Descobre as cooperativas, que vai estar na lonxa do mercado gandeiro dende o día 28 ata o 31 de maio. O horario para poder visitala será de 12 horas a 15,30 e de 17 a 22 horas. “Puxemos este horario para facelo compatible con aquela xente que está traballando, para que poidan pasarse a vela e que polo menos vaian tendo unha noción máis palpable do que é o cooperativismo. Do mesmo xeito o día 28, cando se inaugurará a exposición, estará con nós a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, ás once da mañá. Facémoslle cadrar coa feira que se fai mensualmente aquí no mercado gandeiro”, explicou a alcaldesa.

Emma Álvarez considera que “a fórmula cooperativa é unha opción de futuro para a xente emprendedora e sobre todo nun momento de crise como o actual creo que debemos sumar esforzos e sobre todo se queremos que o produto que temos, cunha calidade recoñecida, consiga o prezo que se merece”.