O Concello colabora coa Cruz Vermella na campaña de recollida de xoguetes para nenos de familias con escasos recursos. Haberá unha chocolatada solidaria o vindeiro xoves, día 13

Lourenzá, 06 de decembro de 2012. Por segundo ano consecutivo o Concello de Lourenzá colabora coa Cruz Vermella na campaña de recollida de xoguetes “a fin de que este Nadal todos os nenos da comarca poidan disfrutar dun agasallo, a poder ser dun xoguete”, segundo anunciou a alcaldesa, Emma Álvarez Chao.

A rexedora municipal explicou: “consideramos oportuno involucrar aos máis pequenos nesta actividade solidaria e facémolo a través dunha chocolatada en colaboración co CEIP Juan Rey. Terá lugar o vindeiro xoves, día 13, e desta maneira vamos tratar de que os nenos contribúan a facer felices a outros desfacéndose daqueles xoguetes que xa non utilizan ou que pola idade lles van quedando pequenos. Desta campaña loxicamente exclúese calquera tipo de xoguete bélico”.

Emma Álvarez rematou comentando que “o único que tratamos de conseguir con elo é facer sorrir a máis nenos, sobre todo da comarca da Mariña”.