O Concello convoca unha xuntanza para crear un grupo de sendeirismo que se celebrará este venres. O día 13 deste mes Lourenzá acollerá unha ruta organizada pola Asociación Pasada das Cabras, de Burela

Lourenzá, 3 de abril de 2013. O Concello de Lourenzá promove a creación dun grupo de sendeirismo no municipio e para iso convoca aos veciños interesados a unha reunión que se celebrará este venres, día 5, ás oito da tarde. O concelleiro de Deportes e Xuventude, Pablo Maseda, tamén anunciou hoxe que Lourenzá acollerá o día 13 deste mes, sábado, unha ruta de sendeirismo organizada pola asociación Pasada das Cabras, de Burela, coa colaboración do Concello laurentino.

Pablo Maseda explicou que nesta ruta “poden participar todos os veciños e veciñas de Lourenzá sen necesidade de preinscrición, simplemente presentándose no Cantón de Lourenzá ás dez menos cuarto da mañá para coller o autobús ou tamén poden ir ata a Ponte Saavedra, na parroquia de San Xurxo. A ruta consta dun percorrido de 19,8 quilómetros, pero vanse facer tan só 13,5 quilómetros, xa que os organizadores prefiren facela un pouco máis corta pola dificultade do primeiro tramo”.

O concelleiro de Deportes engadiu que o percorrido “empezará no que se chama a Ponte de Saavedra, no Xuncal, onde se dividen as parroquias de Santo Tomé e San Xurxo; despois acompañaremos nun bo tramo ao río Baos, pasando pola área recreativa do Pereiro e posteriormente cruzarase á parroquia de San Adriano para continuar en sentido sur norte ata o remate. Durante o percorrido iremos deixando o val de Lourenzá a nosa esquerda, toda a zona da faba de Lourenzá e tamén pasaremos por preto do pazo de Tovar e remataremos en Vilanova”.

Maseda comentou ademais que está ruta “vai servir para ofrecerlle aos nosos veciños que a coñezan e a disfruten e está aberta a cantos a queiran facer. Nesta ocasión vamos contar como padriños de viaxe coa asociación Pasada das Cabras e o Concello de Lourenzá agasallará aos participantes cun pequeno refrixerio na metade da ruta”.

Por outra parte, este vindeiro venres, día 5, o Concello convoca a unha reunión aos veciños e veciñas de Lourenzá para “intentar crear unha asociación de sendeirismo con sede no noso pobo, xa que moitos veciños estannos mostrando o interese en participar neste tipo de actividades”, explicou o concelleiro de Deportes. A xuntanza será ás oito da tarde no salón de actos do Concello.