O Concello creará unha comisión formada por representantes dos grupos políticos municipais e de todas as asociacións do municipio para elaborar as propostas de escudo e bandeira

Lourenzá, 2 de marzo de 2013. Todos os grupos políticos da corporación de Lourenzá acordaron crear unha comisión que estará formada por representantes municipais e das asociacións para elaborar as proposta de escudo e de bandeira do concello. Así se decidiu na xuntanza celebrada na tarde noite de onte coa participación da alcaldesa, a popular Emma Álvarez Chao; a portavoz do PP, Lupe Flórez Seivane; a voceira do PSOE, Rocío López García; o concelleiro do BNG, César Docampo Fernández; e a técnica municipal de Cultura, María José López Noceda 

A alcaldesa aclarou que tal e como está o escudo do Concello de Lourenzá actualmente “non tería esa condición, estaríamos a falar dun logotipo, xa que non cumpre o que establece o artigo 3º do decreto 19/2010 de ser aprobado polo Consello da Xunta”. 

Emma Álvarez explicou que todos os participantes na xuntanza de onte coincidiron en que “o escudo de Lourenzá ten que ter representada unha ponte dun só ollo, posto que prescindir dela sería perder a entidade de séculos, xa que hai documentos que avalan a existencia deste símbolo, aínda que debuxado de distintas formas, dende o ano 1855”. Tamén estiveron todos de acordo “coa proposta de crear unha comisión onde estean representadas, ademais das forzas políticas, todas as asociacións do concello para participar nas propostas previas á elaboración do escudo e a bandeira que representen a Lourenzá”.

A rexedora municipal anunciou que “nos vindeiros días pediremos ás asociacións do concello que deleguen nun representante a fin de poder sacar adiante este proxecto co maior consenso posible da sociedade”.

Outro acordo acadado na reunión foi “iniciar os trámites para o procedemento de aprobación do escudo, xa que nos parece importante dispoñer dun símbolo heráldico que nos represente. Para iniciar este procedemento pode facerse, segundo o artigo 16 do decreto antes mencionado, de dúas maneiras: ben solicitando á Comisión de Heráldica da Xunta a elaboración das propostas e memorias para logo ser aprobados en pleno municipal ou facer o estudo e a proposta dende o Concello. No noso caso, seguimos o camiño xa iniciado de forma oficiosa e solicitaremos que sexa a Comisión de Heráldica a que traballe os distintos bosquexos susceptibles dunha posterior aprobación, xa que deste feito, o Concello non tería que sufragar ningún custo, pois os estudos correrían a cargo da administración autonómica”, explicou a alcaldesa, que rematou comentando: “agardamos poder recoller no escudo que nos represente algún símbolo único do noso concello; por iso insistimos na ponte de un só ollo que representa á Ponte da Pedra”.