O CONCELLO DE LOURENZÁ ABRE ESTE VENRES O PRAZO PARA A OBTENCIÓN DO NOVO CARNÉ DE FABEIRO, OBRIGATORIO PARA VENDER NOS MERCADOS DOMINICAIS QUE EMPEZARÁN O DÍA 24 DESTE MES

Lourenzá, 11 de setembro de 2017. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, ven de editar un bando no que advirte da necesidade de que os produtores teñan o carné de fabeiro para vender nos mercados dominicais da faba que darán comezo o vindeiro día 24. O prazo para a renovación deste carné abrangue do día 15 ao 29 deste mes de setembro e os produtores deben solicitalo na Casa do Concello en horario de 08:30 a 14:00 horas.

Rocío López explica no bando que “o próximo día 24 de setembro de 2017 empezarán os mercados dominicais da faba, nos que só poderán vender os produtores que teñan o novo carné de fabeiro actualizado para poder acreditar que as fabas que o produtor vai levar proceden da área de influencia de Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá”.

A rexedora laurentina engade que “este documento acreditativo deben solicitalo na Casa do Concello a partir do vindeiro venres, día 15, e ata o próximo día 29 de setembro, en horario de 08:30 horas a 14:00 horas e terá un custe de 2,08 euros. O obxectivo é ter o control do acceso das fabas que se venden neste mercado, polo que soamente van poder acceder ao recinto aqueles fabeiros que teñan o carné”.

Finalmente no bando indícase que para esa renovación “é imprescindible que traian o carné de fabeiro do ano pasado”.

AdxuntoTamaño
Descargar bando renovación en pdf60.36 KB