O CONCELLO DE LOURENZÁ CONVOCA DOUS CONCURSOS PARA A FESTA DO MAIO QUE SE CELEBRARÁ O VINDEIRO DÍA 1. OS CERTAMES PREMIARÁN OS EDIFICIOS E OS SOMBREIROS MELLOR ADORNADOS

O Concello de Lourenzá convoca dous concursos co gallo da celebración da Festa do Maio, que terá lugar o vindeiro día 1, mércores. Nun dos certames premiaranse as fiestras, balcóns, portais ou escaparates mellor decorados das rúas polas que pasa o percorrido tradicional do Maio. O outro concurso agasallará aos sombreiros mellor adornados que acompañen ao Maio no desfile, que sairá do mercado gandeiro ás 16:30 horas.

O concelleiro Manuel Arango anuncia que “o Concello de Lourenzá, a través da área de Cultura, convoca dous concursos co gallo da celebración da Festa do Maio do próximo mércores día 1”.

O edil explica que “o primeiro concurso consiste en premiar as fiestras, balcóns, portais ou escaparates comerciais mellor decorados daqueles edificios por onde o Maio ten o seu percorrido tradicional. Haberá dous premios que consistirán en trofeos elaborados pola Fundación Eu Son, de Burela”.

Arango engade que “o segundo dos concursos premiará os mellores sombreiros adornados que acompañen ao Maio no seu percorrido e deben estar decorados con motivos referentes á festa do Maio ou á primavera. Teremos un premio infantil e outro para adultos que tamén serán elaborados pola Fundación Eu Son”.

O concelleiro de Cultura en Lourenzá sinala que “no seu percorrido tradicional a carroza da Magdalena irá acompañada pola música da asociación cultural Osorio Gutiérrez. Ao final do percorrido farase entrega dos premios, incluído o do concurso Unha postal para mamá, que organiza a asociación de comerciantes da localidade”.

Manuel Arango agarda “como en anos precedentes, a colaboración entusiasta dos veciños que, por suposto, agradecemos de antemán. Agradecemos tamén dunha maneira moi especial ao persoal do Concello e a un grupo de veciñas e veciños que ano tras ano, de maneira desinteresada, colaboran na elaboración dos Maios e na decoración da carroza da Magdalena”.