O Concello e a Asociación de Comerciantes organizan un certame de narración e debuxo sobre Lourenzá para alumnos de primaria e secundaria da Mariña. A idea xurdiu do propietario da Pastelería Cabaleiros que ademais é o patrocinador

Lourenzá, 5 de abril de 2013. O Concello e a asociación de comerciantes, industriais e autónomos de Lourenzá (Acial) co patrocinio de Pastelería Cabaleiros, cuxo propietario é Isidro Rodríguez Loredo, convocan a primeira edición dun certame de narración e debuxo denominado “Lourenzá, arte e historia no camiño”. A concelleira de Cultura, Lupe Flórez, destacou que “este certame xorde a partir da iniciativa deste empresario local que rexenta a Pastelería Cabaleiros e a través do mesmo pretendemos que os estudantes de Primaria, ESO e Bacharelato da Mariña se centren e investiguen no coñecemento que teñen do concello de Lourenzá”.

Lupe Flórez explicou que elaboraron unhas bases “en torno as cales queremos que a través do debuxos, no caso dos alumnos de Primaria, e da narración, no caso dos alumnos de ESO e Bacharelato, investiguen e afonden na historia, na cultura e nas distintas tradicións de Lourenzá. As bases están a disposición de todos aqueles que queiran consultalas na páxina web do Concello de Lourenzá (www.concellodelourenza.es) e para pequenas dúbidas que poidan xurdir poden facelo no teléfono 982.12.10.06 a través da técnica municipal de Cultura. Tamén foron enviadas por correo electrónico a todos os centros educativos da Mariña tanto de Educación Primaria como de Secundaria”.

A concelleira de Cultura rematou sinalando que “a data de recepción dos traballos remata o 2 maio e os premios serán dados a coñecer dous días antes do Día das Letras Galegas, isto é o 15 de maio, para facer a correspondente entrega de premios o día 17 de maio para facelo coincidir coa data sinalada das Letras Galegas”.

Descargar bases en PDF