O Concello e a parroquia de Santa María de Valdeflores asinaron un convenio que regula as visitas á igrexa, ao sarcófago do Conde Santo e ao Museo de Arte Sacra

Lourenzá, 26 de marzo de 2013. O Concello de Lourenzá, por medio da alcaldesa, Emma Álvarez Chao, asinou un convenio coa parroquia de Santa María de Valdeflores, a través do seu párroco, don Xosé Antonio Miguélez, “para permitir unhas visitas guiadas a todas aquelas persoas que queiran coñecer tanto a igrexa de Santa María, de Vilanova de Lourenzá, como o conxunto histórico do mosteiro de San Salvador, que está situado na mesma parroquia e que cumpre as funcións de templo parroquial. Ademais nas propias dependencias da igrexa e outras de titularidade eclesiástica está o museo de arte sacra de Vilanova de Lourenzá, que conta cunha importante colección incluíndo ourivarías, escultura, pintura, mobiliario e indumentaria”, explicou a rexedora municipal.

Emma Álvarez engadiu que “as persoas que se acheguen para facer estas visitas guiadas tamén poderán ver o retablo e relicario do século XVII que está na capela da Valdeflores e que foi realizado en madeira policromada por Francisco Andrade. Tamén poderán visitar o sarcófago do Conde Santo”.

Estas visitas vanse desenvolver de luns a venres ás 12, ás 16 e ás 18 horas e os sábados unicamente en horario de mañá. Os prezos para a xente que queiran ver a igrexa, a sancristía e o sarcófago será de 2 euros e se ademais queren visitar o museo de arte sacra terán que pagar 3 euros pola entrada. Os grupos formados por máis de 15 persoas terán un desconto dun euro por membro.

A alcaldesa explicou tamén que “a maiores destas xoias que temos no concello hai unha importante e antiga biblioteca monacal que conserva máis de 4.000 libros entre os que se poden atopar edicións do século XVI. Pero é unha biblioteca que ata o de agora está sen catalogar e supoño que en vindeiros anos son deberes que tocará facer por parte do clero coa axuda do Concello para que se poida mostrar outra xoia máis do noso patrimonio”.

Este convenio empezará a aplicarse o vindeiro luns, día 1 de abril, polo que durante esta semana seguirase co sistema de visitas que había ata o de agora.