O CONCELLO ESTÁ REMATANDO AS OBRAS DE MELLORA EN VIARIOS MUNICIPAIS DAS PARROQUIAS DE SAN ADRIANO, SANTO TOMÉ E SANTA MARÍA

O Concello de Lourenzá está rematando as obras de mellora en varios viarios municipais das parroquias de San Adriano, Santo Tomé e Santa María.

A alcaldesa, Rocío López, anunciou hoxe que “o investimento total que se destinou para o mantemento destes viarios municipais é de 57.063 euros, dos cales 45.650 corresponden a unha achega da Deputación de Lugo con cargo ó Plan Provincial de Obras e Servizos mentres que o Concello aportou 11.413 euros de fondos propios”.

Rocío López especificou que “estes traballos incluíron actuacións nas parroquias de San Adriano (barrio de Ríos), Santo Tomé (O Cal e Castiñeiras Verdes) e Santa María (camiño da Tilleira cara a parroquia barreirense de San Xusto)”.

Mellora doutras vías este ano

Ademais a rexedora municipal avanzou que “neste ano que acabamos de comezar o Concello ten previsto seguir facendo actuacións noutras vías municipais que están aínda en mal estado. Nos próximos meses levarase a cabo o arranxo do Camiño A dende Zapateiro a San Adriano, que é a vía principal de acceso a esta parroquia e a estrada de paso para os concellos de Riotorto e A Pontenova. Esta obra farase con cargo a un convenio firmado coa Deputación de Lugo mediante o cal o ente provincial achega 150.000 euros”.

O CONCELLO ESTÁ REMATANDO AS OBRAS DE MELLORA EN VIARIOS MUNICIPAIS DAS PARROQUIAS DE SAN ADRIANO, SANTO TOMÉ E SANTA MARÍA