O CONCELLO INSTALOU DOUS BANQUILLOS NO CAMPO DE FÚTBOL DE SANTA CRUZ E NOVOS ASENTOS NAS GRADAS DO PAVILLÓN POLIDEPORTIVO MUNICIPAL

Lourenzá, 27 de outubro de 2017. O Concello de Lourenzá instalou dous banquillos no campo de fútbol de Santa Cruz e novos asentos nas gradas do pavillón polideportivo municipal.

A alcaldesa, Rocío López, anunciou hoxe que “o Concello investiu en novos equipamentos para instalacións deportivas, concretamente un total de 7.000 euros na instalación de dous banquillos no campo de fútbol de Santa Cruz e de novos asentos para o pavillón polideportivo municipal. Este investimento financiase con cargo ao Plan Único da Deputación Provincial”.

A rexedora explicou que “é fundamental mellorar e reforzar as instalacións de cara a un mellor servizo para os usuarios e os deportistas. Coa instalación dos banquillos damos cobertura a unha necesidade que había no campo novo de adestramento, pois carecía deles. No referente ao pavillón municipal, despois das obras remodelación e acristalamento da fachada principal que lle deron máis luz ao edificio acometidas hai un ano, coa colocación dos asentos agora pretendemos seguir modernizando esta instalación e ofrecendo maior comodidade”.

Rocío López engadiu que “aínda quedan pendentes outras actuacións, que serán executadas nos vindeiros meses. Así está previsto o arranxo dos postes que suxeitan a rede que cerra o campo de fútbol, o pintado dos vestiarios e a mellora do local que hai na entrada do campo para poder destinalo a almacén. Estas e outras moitas cuestións foron plantexadas pola directiva das escolas nunha reunión que mantiveron comigo despois de presentar a dimisión o concelleiro de Deportes. Nesa xuntanza manifestei o meu compromiso co deporte neste concello e tomei nota de todos estes requirimentos que se irán subsanando o antes posible”.

O CONCELLO INSTALOU DOUS BANQUILLOS NO CAMPO DE FÚTBOL DE SANTA CRUZ E NOVOS ASENTOS NAS GRADAS DO PAVILLÓN POLIDEPORTIVO MUNICIPAL