O Concello organiza a Festa do Maio, que se celebrará este mércores co tradicional desfile polas rúas de Vilanova e a actuación da Escola Municipal de Música e Danza Osorio Gutiérrez

Lourenzá, 29 de abril de 2013. O Concello de Lourenzá organiza a tradicional Festa do Maio co desfile polas rúas de Vilanova e a actuación da escola municipal de música e danza Osorio Gutiérrez, que se celebrará este mércores, día 1.

A concelleira de Cultura, Lupe Flórez Seivane, explicou que “é unha das festas tradicionais que conmemora a chegada da primavera e nesta ocasión vai ter lugar na tarde do mércores, 1 de maio. Sairemos do mercado gandeiro, como ven sendo habitual, ás catro e media da tarde e percorreremos as rúas da vila ata chegar ao Cantón. Todo o desfile estará acompañado polas seccións de música e baile da escola municipal Osorio Gutiérrez, que irán tocando e interpretando distintas cancións desta época dos Maios”.

Lupe Flórez engadiu que “unha vez chegados á Praza do Conde Santo, a estimación é que o fagamos arredor das seis e cuarto da tarde como ocorreu nos últimos anos, terá lugar unha actuación da escola municipal de música e danza Osorio Gutiérrez, que interpretará unha serie de cantos dos Maios e outras cancións típicas e alegóricas á época primaveral na que nos atopamos. Temos en conta tamén as predicións meteorolóxicas para estes días, polo que está previsto que en caso de chuvia, se é forte e condiciona o desfile, anularíase o percorrido do Maio polas rúas de Vilanova pero manteríamos a actuación da escola de música e danza Osorio Gutiérrez, que en lugar de ser ao aire libre na Praza do Conde Santo trasladaríase ás instalacións do salón de actos da Casa da Cultura do Concello”.

Dende a Área de Cultura do Concello de Lourenzá agradecen “ao persoal de Protección Civil, que nos acompaña sempre voluntariamente no noso percorrido, e tamén a un grupo de veciños e veciñas da vila que de maneira totalmente desinteresada colaboran por unha parte na ornamentación do carro e da propia figura do Maio, que o faremos no mercado gandeiro na mañá do día 1, e por outra parte a todos aqueles veciños e veciñas que dende as súas casas lanzan as lambetadas para os nenos que acompañan o desfile”.

Declaracións de Lupe Flórez (MP3)