O Concello Organiza unha charla sobre a Lei de Montes para conmemorar o Día Forestal Mundial o vindeiro Xoves, día 21 deste mes. Falará o Subdirector Xeral de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais, Miguel Ángel Cela

Lourenzá, 14 de marzo de 2013. Co gallo do Día Forestal Mundial, que se celebra o vindeiro 21 de marzo, o Concello de Lourenzá organiza unha charla para “explicar a primeira lei de montes de Galicia, a lei 7/2012 de 28 de xuño, que xa está en vigor desde o 17 de agosto do ano pasado”, anunciou hoxe a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, que na súa etapa como deputada autonómica foi poñente desa lei.

A rexedora municipal explicou que “esta lei entrou precisamente no Parlamento o día 21 de marzo, unha data sinalada, e é unha lei da que tiven a honra de ser poñente. A devandita lei será explicada por un dos seus redactores que é Miguel Ángel Cela González, que naquel momento era xefe de servizo de Montes en Lugo e a día de hoxe ocupa o cargo de subdirector xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Xunta de Galicia, en Santiago”.

Emma Álvarez engadiu que o obxectivo desta lei “é compatibilizar os aproveitamentos dos montes con outras actividades que se poidan desenvolver neles, pero sempre baixo o abano da xestión forestal sostible; é dicir, baixo tres parámetros: o económico, o social e o ambiental. Os principios reitores desta lei baséanse na ordenación do monte, na loita contra o minifundismo e na regulación dos usos forestais. Tamén ten unha parte importante dedicada á modificación da lei 3/2007 de prevención e defensa de incendios forestais en Galicia, onde aclara e pretendemos que con esta charla que se impartirá dentro dun días no Concello queden, dunha vez por todas, definidas cales son obrigas dos propietarios forestais e cales son as distancias das franxas de seguridade das vivendas illadas e dos núcleos de poboación”.

Por todo isto a alcaldesa considera que “é unha lei sumamente importante nun concello coma o de Lourenzá, que é altamente forestal e onde ao mesmo tempo temos un val moi produtivo para horta e para gandería e polo tanto deben harmonizarse e convivir todos os subsectores: tanto o agrícola, como o gandeiro e o forestal. É unha lei moi importante tanto para os propietarios de montes como para aquelas outras persoas que se dedican á agricultura ou incluso para aquelas que teñen as súas vivendas rodeadas de monte”.

A charla será o vindeiro xoves, 21 de marzo, ás 21:00 horas no salón de actos da Casa do Concello.