O CONCELLO ORGANIZA UNHAS XORNADAS SOBRE USOS E APLICACIÓN DE DRONS, CON ACTIVIDADES ESTE DOMINGO

O Concello de Lourenzá organiza unhas xornadas sobre usos e aplicación de drons, que inclúen actividades este domingo.

As xornadas sobre usos e aplicación de drons están organizadas pola Concellería de Xuventude, que dirixe Sonia Gavino, quen explica que “ primeira actividade desta iniciativa tivo lugar o pasado 26 de setembro. Está dirixida a mozos e mozas e nunha primeira parte impartíronse cuestións teóricas acerca da normativa de uso dos drons e despois desenvolveuse unha clase práctica na que os asistentes puideron probar a pilotar un dron. A segunda xornada terá lugar este domingo, 6 de outubro, enmarcada dentro da programación da Festa da Faba. Haberá un stand situado no Campo dos Bolos, no que estarán presentes diversas empresas que usan os drons para múltiples funcións, dende traballos de publicidade, inspeccións de tendidos eléctricos, topografía, fumigación de cultivos, etcétera. Alí os visitantes poderán ver en directo este tipo de aparatos e informarse de como funcionan e de como se utilizan con fins profesionais”.

Sonia Gavino destaca a boa acollida que tivo esta iniciativa na primeira xornada celebrada e agarda que se volva repetir este vindeiro domingo. “Sempre tendemos a organizar actividades para os máis pequenos e desta vez decidimos apostar polas tecnoloxías modernas para intentar achegar aos mais mozos con algo que lles chamase a atención e atraese a súa curiosidade. E a verdade é que deu resultado. Ademais é un atractivo máis para visitar nesta XXIX edición da Festa da Faba”.