O Concello proxecta mellorar alumeados públicos cun investimento de 24.000 euros. Xuntouse con A Pontenova e Trabada para optar a maior subvención da Xunta

Lourenzá, 13 de abril de 2013. A comisión de goberno do Concello de Lourenzá acordou solicitar unha subvención á Xunta de Galicia, concretamente ao Inega, para aforro enerxético. Neste campo o goberno municipal proxecta investir 24.000 euros para mellorar dous alumeados públicos, os de Pedrón e Villapol. Co obxectivo de poder optar a maior porcentaxe de subvención o Concello de Lourenzá xuntouse cos de A Pontenova e Trabada, que entre os tres prevén un investimento total de 73.365 euros.

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, explicou que “a inversión de 24.000 euros, se a fixéramos con capital propio, estaría amortizada en algo menos de 5 anos, xa que aforraríamos 5.000 euros anuais, pero se nos dan o máximo da subvención á que podemos optar, que é dun 85 por cento, en menos dun ano estará amortizada a inversión que fai o Concello con fondos propios”.

Emma Álvarez aclarou que poden optar ao 85 por cento de subvención porque “nos unimos os Concellos de A Pontenova, Trabada e Lourenzá para pedir conxuntamente esta axuda. Xa de entrada optamos a 20 puntos máis por ser unha agrupación de tres concellos e a un 85 por cento de subvención, mentres que se o fixéramos de xeito individual soamente optariamos a un 70 por cento”.

A rexedora municipal engadiu que no caso do Concello de Lourenzá a inversión de 24.000 euros está prevista “para actuar en dous alumeados públicos: o do Pedrón, onde hai 11 puntos de luz que afectan a 2.310 metros cadrados e consistiría en cambiar sodio de alta presión de 150 e 250 vatios por LED de 30 vatios; o outro é máis grande, o de Villapol, que ten 52 puntos de luz e afectaría a 10.920 metros cadrados. Neste alumeado temos a día de hoxe vapor de mercurio de 80 vatios, temos haloxenuros metálicos de 125 vatios e sodio de alta presión de 70 vatios. Pasaríamos todo isto a LED de 30 vatios. Por iso aínda que teñamos que facer unha pequena achega con fondos propios parécenos interesante levalo adiante posto que coa aforro enerxético esa inversión quedaría amortizada en menos dun ano”.