O Concello saca a concurso a xestión da cafetería do centro de servizos sociais, que está no Torreón do Mosteiro de San Salvador. A Alcaldesa explicou que estivo pechada durante uns meses á espera da prórroga do Bispado para a cesión temporal do local

Lourenzá, 24 de abril de 2013. O Concello de Lourenzá saca a concurso a xestión da cafetería do centro de servizos sociais, que está no torreón do mosteiro de San Salvador e mantívose pechada durante uns meses á espera da prórroga do Bispado para a cesión temporal do local.

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, anunciou hoxe que “nos vindeiros días sairá publicado no Boletín Oficial da Provincia o prego de cláusulas administrativas para a contratación da xestión da cafetería do centro de servizos sociais, que está no torreón do mosteiro de San Salvador”. E lembrou que o establecemento “leva pechado uns meses, porque estábamos agardando a recibir unha prórroga do Bispado para a cesión temporal do local no que está e poder así sacala a concurso”.

Emma Álvarez deu a coñecer que haberá un prazo de 10 días para que os interesados presenten as ofertas e as propostas dende que se publique o anuncio no Boletín Oficial da Provincia. Deberán entregarse nas oficinas municipais en horario de oito e media da mañá a tres da tarde.

A rexedora municipal explicou que se valorará “tanto a oferta económica como o proxecto presentado para prestar o servizo, o prezo de venta ao público dos produtos, a experiencia ou a formación que teña no sector, así como o prazo de apertura. Esta concesión sería por catro anos pero podería prorrogarse a seis”.

A alcaldesa considera que “coa apertura deste local, que está situado ao carón do Campo dos Bolos, axudamos a dinamizar dous sectores moi importantes no noso concello: por un lado as persoas maiores e por outro lado os nenos, debido ao enclave especial no que se atopa. E ademais xerará emprego no noso concello”.