O CONCELLO SÚMASE Á CAMPAÑA EN NEGRO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO CON VARIOS ACTOS, QUE SE DESENVOLVERÁN O XOVES E O DOMINGO

O Concello de Lourenzá súmase á campaña En negro contra a violencia de xénero con varios actos, que se desenvolverán hoxe, xoves, e este domingo, día 25.

Desde a Concellería de Servizos Sociais fan “un chamamento a toda a cidadanía a solidarizarse cunha causa tan importante coma esta. A través da asociación de comerciantes local repartiranse por todos os establecementos unhas frases cun lema en contra da violencia de xénero, para que todos os locais se tingan de negro en loita por esta lacra.

Desde este luns no balcón da Casa do Concello pendura unha pancarta co lema Lourenzá en Negro contra Violencia de Xénero e os Cocos e as árbores da praza do Conde Santo visten tamén de negro”.

Ademais engaden que “o xoves 22 de novembro, ás 12:30 horas no CEIP Juan Rey haberá unha charla informativa sobre as consecuencias da violencia de xénero nas mulleres. Xa para rematar, o domingo 25 de novembro a praza do Concello será o escenario da gravación dun spot contra a violencia de xénero, na que participarán veciñ@s de todo o municipio. Miguel Ramil Seivane, veciño de Lourenzá, será o encargado de achegar o toque musical á escenificación. Tamén terá lugar a lectura dun manifesto”.

Desde o Concello de Lourenzá destacan: “queremos reiterar o noso compromiso firme para loitar pola erradicación das violencias contra as mulleres. Temos que darnos conta de que é un feito que nos compromete a todas e a todos: axentes sociais, institucións, cidadanía, entidades locais... E que, por tanto, é un traballo de todos responder e axudar a paliar as consecuencias da violencia de xénero ata conseguir eliminala por completo”.