O PAZO DE TOVAR ACOLLERÁ OS DÍAS 27 E 28 DESTE MES AS PRIMEIRAS XORNADAS DE HISTORIA LOCAL DE LOURENZÁ ORGANIZADAS POLO CONCELLO.

Lourenzá, 21 de xaneiro de 2017. O Pazo de Tovar acollerá os días 27 e 28 deste mes, venres e sábado, as primeiras Xornadas de Historia Local de Lourenzá, que están organizadas polo Concello. Foron presentadas na propia fortaleza pola alcaldesa, Rocío López; o concelleiro de Cultura, Manuel Arango; a técnico municipal de Cultura, María José López; o dono do Pazo de Tovar, José Ventoso; e o veciño de Lourenzá Miguel Gavín.

A rexedora municipal anunciou que “este fermoso lugar foi o escollido para facer este percorrido que nos levará anos atrás na historia do noso pobo. Dende o Concello facemos extensible esta invitación a todos os laurentinos  e a outras xentes de comarcas limítrofes. Dende aquí invitámolos a participar nestas xornadas que, sen dúbida, nos remontarán ós inicios que foron dando forma á identidade e á historia do noso concello. Moitos dos asistentes recordarán xa ter oído falar aos seus devanceiros dalgún destes acontecementos. Será como unha viaxe ás orixes, que nos mostrará como naceu, onde viviu e como foi medrando este nen@ que leva por nome Lourenzá”.

Rocío López explicou que “o concelleiro de cultura, Manuel Arango, será o encargado de inaugurar as xornadas o venres 27 a partir das 19:30 horas. A continuación Manuel Román Ramos, veciño de Lourenzá, dará unha conferencia que leva por título Lourenzá: o nacemento dun concello. O sábado 28 terán lugar outras dúas conferencias: a primeira delas está prevista para as 18:30 horas da man de Vidal Martínez-Sierra e tratará sobre a emigración laurentina a Cuba entre os anos 1880 e 1930; e a segunda será as 20:00 horas, impartida por Xoán Ramón Fernández Pacios  e que versará sobre a Crónica Negra Laurentina. Ó remate das conferencias unha actuación musical do cantautor galego Tino Baz será a encargada de poñer o toque musical á xornada”. A continuación a alcaldesa de Lourenzá procederá a clausura. 

O Concello de Lourenzá agradece “a todos os que colaboran na posta en marcha desta iniciativa: Área de Cultura da Deputación, María José López, Miguel Gavín, José Ventoso, Tino Baz e os relatores encargados de impartir as conferencias”.

O PAZO DE TOVAR ACOLLERÁ OS DÍAS 27 E 28 DESTE MES AS PRIMEIRAS XORNADAS DE HISTORIA LOCAL DE LOURENZÁ ORGANIZADAS POLO CONCELLO.
O PAZO DE TOVAR ACOLLERÁ OS DÍAS 27 E 28 DESTE MES AS PRIMEIRAS XORNADAS DE HISTORIA LOCAL DE LOURENZÁ ORGANIZADAS POLO CONCELLO.