O Pleno da Corporación Municipal tratará o vindeiro luns a modificación das ordenanzas fiscais para 2013, que na maioría dos casos serán actualizadas tendo en conta a suba do IPC interanual

Lourenzá, 15 de novembro de 2012. A modificación das ordenanzas fiscais para o vindeiro ano 2013 someterase a aprobación no pleno da corporación municipal de Lourenzá que está convocado para o luns, día 19, ás doce e media do mediodía.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou que “manteremos os prezos do Punto de Información Catastral, os mesmos que ata o de agora, e para o resto das taxas actualizaremos o IPC tomando como referencia o do mes de agosto, que era un 2,7 por cento. Afectaríalle a tódalas taxas agás a das escolas deportivas, que de momento vaise manter como está na actualidade”.

En canto ás taxas de consumo de auga, Emma Álvarez comentou que “tal como nos recomendou a Comisión de Prezos e Valores vamos diferenciar entre consumo doméstico e industrial. Todos aqueles abonados que sexan domésticos van pagar menos da subida do IPC, xa que o incremento definitivo será dun 1,45 por cento. Isto vai en detrimento dos usos industriais, que terán que pagar un pouquiño máis que a suba do IPC polo consumo da súa auga”.

A rexedora municipal tamén adiantou que “outra das taxas que se actualizará é a do Punto de Atención á Infancia, que ía pendente de revisar dentro do plan de axuste que solicitou o Concello o ano pasado, porque os ingresos que temos son bastante inferiores que o gasto ocasionado polo propio Punto de Atención á Infancia. A idea que tiñamos era subir unha cantidade simbólica que fora máis ou menos uns 2.000 euros de recadación a maiores a finais do ano 2013. O que decidimos foi incrementar nun 6,82 por cento o prezo da hora. Hai que ter en conta que no Punto de Atención á Infancia non se modificaban as taxas dende o 2008, polo que si calculáramos a suba do IPC dende ese ano sería dun 6,7 por cento e neste caso xustificamos este incremento en base ao plan de axuste que ten que cumprir o Concello de Lourenzá”.

Sobre o Punto de Atención á Infancia, Emma Álvarez tamén aclarou que “hai bonificacións en función do número de horas que teñen os usuarios e o que varían son cantidades tan pequeniñas, como por exemplo nunha bonificación de 8 horas diarias son cinco céntimos á hora máis. Nos casos de horas puntuais é onde se nota máis, é o 6,82 por cento, o que supón 0,30 euros a maiores cada hora. Pero non nos queda máis remedio que facelo, posto que se non actualizamos as taxas este ano quedaría aí acumulado e cando se tiveran que revisar, pasados uns anos, esta subida sería de golpe e o goberno local considera que é moito máis axeitado tanto para o Concello como para os usuarios que estas actualizacións vaian sendo paulatinas”.

Delegacións municipais

Ademais no pleno da corporación municipal do vindeiro luns darase conta das resolucións da Alcaldía a raíz da renuncia do segundo tenente de alcalde, Vidal Martínez-Sierra, con motivo do seu nomeamento como deputado autonómico, razón pola que “presentou a súa renuncia como segundo tenente de alcalde e tamén deixou as delegacións que levaba dentro do organigrama municipal para dedicarlle máis tempo á política autonómica”, explicou Álvarez Chao, quen tamén deu a coñecer que “a partir de agora o segundo tenente de alcalde volve ser Pablo Maseda, o actual concelleiro de Deportes. En canto ás delegacións que tiña Vidal Martínez-Sierra quedan distribuídas do seguinte xeito: da de Medio Ambiente farase cargo Antonio Reigosa, que levará tamén Medio Rural e Comercio e a de Sanidade asúmoa eu mesma, tal e como tiña antes de ser alcaldesa”.

Emma Álvarez rematou explicando que “tamén imos declarar neste pleno a non dispoñibilidade dos créditos procedentes das cantidades derivadas da supresión das pagas extraordinarias do mes de decembro de 2012. Xa o anterior alcalde, Vidal Martínez-Sierra, no pleno do 17 de agosto renunciara á paga extraordinaria de decembro, así como o primeiro tenente de alcalde, Dino Vidal, e eu mesma tamén renunciei á extra en solidariedade cos traballadores no primeiro pleno unha vez que fun nomeada alcaldesa”.

Descargar orde do día (PDF)