Os interesados en participar no programa de Termalismo do Imserso poden solicitalo a través da traballadora social do Concello

Lourenzá, 8 de xaneiro de 2013. A traballadora social do Concello de Lourenzá tramita as solicitudes dos veciños do municipio que queiran participar no programa de termalismo do Imserso.

Dende o Concello explican que “todas aquelas persoas interesadas en participar en tratamentos termais a través do programa de termalismo do Imserso poden facelo a través da traballadora social do Concello. Os requisitos son os seguintes: ser pensionista de invalidez ou xubilación da Seguridade Social, ter máis de 60 anos cando a pensión sexa de viuvez ou outra diferente ás arriba mencionadas, non padecer trastornos mentais graves nin doenzas infecto contaxiosas e valerse por si mesmos para as actividades da vida diaria”.

A documentación que deben presentar os interesados é a solicitude e os datos económicos do solicitante e do seu cónxuxe. Poden facelo no despacho da traballadora social, que está no Torreón do Frades, de luns a venres en horario de nove da mañá a tres da tarde.

Os prazos para apuntarse son os seguintes: ata o 16 deste mes de xaneiro para os tratamentos termais nos meses de febreiro a agosto, ata o 16 de maio para participar no programa nos meses de agosto a decembro e ata o 30 de outubro para a inclusión na lista de espera de prazas.