Os sistemas eléctrico, informático e de telecomunicacións das dependencias municipais están sendo reformados para reducir custos e mellorar a produtividade dos traballadores do Concello

Lourenzá, 23 de maio de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, deu a coñecer hoxe as obras de reforma que se están levando a cabo nos sistemas eléctrico, informático e de telecomunicacións das dependencias municipais para reducir custos e mellorar a produtividade dos traballadores do Concello.

Emma Álvarez explicou que na Casa do Concello “estamos facendo traballos de reorganización eléctrica e tamén do sistema de telecomunicacións, así como na rede local informática interna. Estamos tratando de unificar todo nun mesmo servidor de datos para centralizar toda a información e facer copias de seguridade diarias de todo o traballo que se realiza no Concello. A idea é unir o Torreón, onde están os postos das traballadoras sociais, mediante fibra óptica coa Casa do Concello e así estaríamos centralizando a información e facéndoa máis segura e tamén accesible ao resto dos administrativos do Concello. Ademais aforraremos en custos posto que eliminaremos dúas liñas ADSL e outras dúas de teléfono”.

A rexedora municipal engadiu que “estas obras inclúense dentro dos traballos para centralizar e facer máis accesible aos cidadáns a administración do Concello, no que se enmarca tamén a traída dos postos da Área de Rehabilitación Integral e o Punto de Información Catastral ás oficinas centrais do Concello”.

A alcaldesa rematou explicando que “a inversión, que se vai pagar con fondos propios, é duns 8.000 euros, cantidade que recuperaremos e ademais vai aumentar a produtividade dos empregados municipais. Aforraremos custos non só por eliminar esas dúas liñas ADSL e dúas liñas de teléfono, senón tamén na impresión, posto que vamos facer un sistema unificado co que imos aforrar cartos en consumibles informáticos. Temos que ir modernizándonos día a día e poñéndonos ao corrente das novas tecnoloxías e desta maneira contamos aforrarlle cartos ao Concello e facer que o traballo dos empregados municipais sexa máis produtivo”.