PAIS E NAIS DE LOURENZÁ TRASLADARAON AO GOBERNO MUNICIPAL QUEIXAS POLAS DEFICIENCIAS NO SERVIZO DE PEDIATRÍA. ESTE VENRES HABERÁ OUTRA REUNIÓN PARA ASINAR UN ESCRITO QUE TRATARÁN NO PLENO DO CONCELLO E ENVIARÁN AO SERGAS E Á XUNTA

Pais e nais do concello de Lourenzá trasladaron á alcaldesa, Rocío López, e ao primeiro tenente de alcalde, Manuel Arango, queixas polas deficiencias no servizo de pediatría que se presta no centro de saúde. Para este venres, día 18, convocaron outra reunión, na que está previsto asinar un escrito que tratarán no pleno do Concello e despois enviarán ao Sergas e á Xunta de Galicia.

A rexedora municipal explica que mantiveron unha reunión “con pais e nais do concello de Lourenzá preocupados pola situación na que se atopa o servizo de pediatría, que é compartido cos concellos de Barreiros e Mondoñedo e que nos últimos anos ven arrastrando unha serie de deficiencias. O obxectivo desta reunión foi recoller todas esas reclamacións polas problemáticas que presenta o servizo e agora quedamos en elaborar un texto conxunto para dirixirnos ao Sergas e a Xunta e pedirlles que solucionen dunha vez por todas esta situación na que se atopa o servizo de pediatría no noso concello e que o reforce para adaptalo ás necesidades dos nenos e nenas deste municipio. Hoxe é totalmente insuficiente e a profesional que temos neste momento vese moitos días desbordada pola gran cantidade de nenos que ten que atender; e se a iso lle sumamos que cando ela está ausente, ben por baixa de enfermidade ou por vacacións, non mandan ningún substituto o problema agrávase moito máis”.

Rocío López engade: “esiximos por tanto o reforzo desta prestación, ter canto menos un pediatra continuamente en Lourenzá os días que nos corresponden, para evitar que se dean situacións como as que ocorren actualmente, porque en días nos que cando a pediatra non está no centro de saúde os nenos reciben atención por parte dun médico de familia, que evidentemente non ten a formación específica necesaria en pediatría, ou noutras ocasións os pais teñen que viaxar ao hospital de Burela, onde hai un pediatra de garda, para que os poidan atender ou incluso ir a unha consulta privada e ter que pagar, pero moitos pais non poden facer fronte a ese custo. Ademais esta situación estase a agravar posto que nos últimos días moitos nenos non están a ser atendidos para vacinarse das enfermidades do calendario obrigatorio porque a pediatra estivo ausente; isto pon perigo a saúde do menor xa que o enfermeiro que hai nos distintos centros de saúde de Lourenzá, de Barreiros ou de Mondoñedo segundo os protocolos non pode vacinar a eses nenos sen que antes os vexa a pediatra, con cal a situación agrávase moito máis”.

A alcaldesa de Lourenzá anunciou que “despois de recoller todas estas problemáticas e de poñer enriba da mesa todas as deficiencias que ten este servizo de pediatría, quedamos cos pais en elaborar un texto que recolla todas estas necesidades que temos e fixamos unha reunión para este venres, día 18, ás 20:30 horas no salón de actos do Concello. É unha xuntanza aberta a toda a cidadanía, a todos os veciños e veciñas que queiran vir. A esa reunión vaise levar un borrador dese texto que se vai dirixir ao Sergas e á Xunta de Galicia, que vai ir acompañado dunha serie de firmas de todos os pais e nais e do resto de veciños de Lourenzá que queiran apoiarnos neste tema. A idea é que despois ese escrito sexa presentado no pleno do Concello de Lourenzá e esperamos contar co apoio dos tres grupos políticos que estamos agora na corporación municipal. E unha vez que ese texto se aprobe dirixirémolo á Xunta de Galicia. Tamén me vou poñer en contacto cos alcaldes de Barreiros e Mondoñedo, porque imaxino que eles tamén estarán recibindo as mesmas protestas e os seus veciños estarán poñéndolles en coñecemento estes problemas que estamos tendo, porque creo que isto afecta a todos e que polo tanto todos xuntos debemos ir da man e reclamar cando menos recibir a atención sanitaria pública á que temos dereito e que nos últimos anos se está vendo afectada. Quedamos en poñer tamén uns bandos para convocar á xente a esta reunión que imos ter este venres, día 18, ás 20:30 horas no salón de actos do Concello de Lourenzá”.

Para rematar, a rexedora municipal agradeceu “a todas as nais e pais que estiveron nesta reunión” e espera que “esta reclamación conxunta dos veciños dea o seus froitos e que consigamos ter o servizo de pediatría que realmente merecemos e ao que temos dereito”.