A piscina municipal estará aberta dende o vindeiro luns, 1 de xullo, ata o 31 de agosto en horario de 12 a 20 horas. Haberá cursos de natación do 15 de xullo ao 15 de agosto

Lourenzá, 27 de xuño de 2013. O vindeiro luns, día 1 de xullo, comeza a tempada na piscina municipal de Lourenzá, que estará aberta ata o 31 de agosto en horario de 12 a 20 horas. Anunciouno hoxe a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, que tamén deu a coñecer que haberá cursos de natación do 15 de xullo ao 15 de agosto.

O prezo da entrada para os adultos é de 2 euros e os nenos pagarán a metade pero hai abonos para toda a tempada ou mensuais “cos que sae bastante máis económico”, segundo comentou a rexedora municipal, quen explicou que “o prezo da tempada enteira para adultos é de 20,54 euros; para nenos é de 10,27 euros; e o abono familiar, que inclúe os pais e os fillos costa 30,81 euros. No caso dos abonos mensuais o prezo para os adultos é de 10,27 euros; para os nenos costa 5,14 euros; e o abono familiar é de 15,40 euros”.

Emma Álvarez tamén comentou que está aberto o prazo para inscribirse nos cursos de natación que haberá do 15 de xullo ao 15 de agosto. Teñen un custo de 10,27 euros para os menores de 16 anos e os maiores desa idade teñen que pagar 20,54.

“Para poder abrir a piscina cos socorristas que son necesarios para facer a vixilancia das persoas que van bañarse temos tres socorristas, contratados a través do Plan de Cooperación presentado conxuntamente polos Concellos de Trabada e de Lourenzá. Farán as quendas indistintamente nos dous concellos”, explicou a alcaldesa.