PRESENTADO O CARTEL DA XXVIII FESTA DA FABA, QUE PREGOARÁ A XORNALISTA E LOCUTORA LAURENTINA MARTA DOCAMPO

O Concello de Lourenzá presentou o cartel da vixésimo oitava edición da Festa da Faba, que se celebrará do 5 ao 7 de outubro. A autora é Aixa Paz Mora, natural de Lourenzá e licenciada en Belas Artes. A alcaldesa, Rocío López, tamén anunciou que a pregoeira da Festa da Faba 2018 será a xornalista e locutora de radio Marta Docampo, laurentina afincada en Madrid. O pregón será o día 6, sábado, ás 12:00 horas.

A rexedora explicou: “hoxe presentamos o cartel desta 28 edición da Festa da Faba de Lourenzá. A autora é unha muller, Aixa Paz Mora, natural de Lourenzá e que cursou Belas Artes”.

Rocío López salientou que “non é fácil dar cun cartel que transmita a esencia desta festa, a esencia do val e a esencia da faba. Todo iso que os laurentinos e todos os que nacemos aquí coñecemos de primeira man e que queremos, pero é difícil facer chegar a quen o descoñece. Seguramente a autora nos poderá falar moito máis de en que se inspirou á hora de facer o cartel e que é o que nos quere transmitir con el; todo iso que todo gran profesional e todo gran debuxante domina á perfección. Eu puiden constatar que desde o minuto cero no que nós lle encargamos a Aixa esta labor, e no que ela se puxo a traballar, o labor foi impresionante e basta cunha soa ollada ao cartel para quedarse con esa espectacular visión do que é a faba de Lourenzá”.

A alcaldesa engadiu que “centrándonos no pregón que terá lugar o sábado, día 6 de outubro, ás doce do mediodía, inaugurando esta 28 edición da Festa da Faba de Lourenzá, este ano a persoa encargada será unha muller laurentina. Ela chámase Marta Docampo Pérez, actualmente residente en Madrid; é licenciada en Ciencias da Información pola Universidade Pontificia de Salamanca. Empezou hai máis de 25 anos en Antena 3 Radio, de Viveiro, e ten unha longa traxectoria. Traballou como locutora, presentadora e redactora en Cadena 100 e COPE da Costa, RadioVoz, Europa FM, Onda Cero, Gestiona Radio e outros moitos medios de comunicación”.

Rocío López subliñou que Marta Docampo “é unha gran comunicadora, toda unha profesional e cunha gran experiencia e traxectoria no sector do periodismo, pero, sobre todo, algo que me fai sentir dobremente orgullosa é que é unha laurentina e muller. Para nós é un pracer poder contar coa súa presenza, estamos moi contentos, e eu persoalmente, de que accedera a esta petición de ser a pregoeira desta 28 edición da Festa da Faba de Lourenzá. Estou segura de que todos os laurentinos e toda a xente que a coñece están agardando ese momento do sábado, día 6 de outubro, ás doce do mediodía, para escoitala”.