Residentes no lugar de Canedo queren recuperar ese topónimo desaparecido no ano 1996. O goberno municipal fará xestións para intentar conseguilo se a maioría dos veciños están a favor

Lourenzá, 22 de xuño de 2013. Algúns veciños do lugar de Canedo pediron á alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, a recuperación dese topónimo que desapareceu no ano 1996. Por este motivo o goberno municipal fará xestións para intentar conseguilo se a maioría dos veciños están a favor.

“Tras recibir varias peticións dos veciños do lugar de Canedo de recuperar o topónimo desaparecido xa dende o ano 1996 no nomenclátor de Estadística considerei oportuno dirixirme aos presidentes das asociacións de veciños de Santo Tomé e de San Adriano, posto que o lugar de Canedo está conformado por parte do territorio dunha e doutra parroquia, para manter unha xuntanza conxunta con todos os residentes neste lugar a fin de que, en caso de que sexa de interese para eles, iniciar os trámites para volver recuperar este topónimo”, anunciou a rexedora municipal.

Emma Álvarez explicou que “no caso de que isto vaia adiante o que temos que facer, e xa estamos traballando niso, é unha delimitación dos lugares; e o que agora mesmo son lugares, por exemplo Tercias, pasarían a ser rúas. Canedo pasaría a ocupar o sitio de lugar e os distintos barrios que hoxe coñecemos como lugares serían rúas”.

A alcaldesa tamén aclarou que esta demanda veciñal “xurde a raíz de que dende Correos están devolvendo moitas cartas por figurar o termo Canedo. E desta maneira contribuiriamos a que o servizo de Correos fora máis áxil e eficaz. Non obstante, a idea do equipo de goberno é falar con todos os afectados e facelo sempre e cando a maioría queira que isto sexa así. E nese caso, con esa delimitación dos lugares, teríamos que aprobalo en pleno e despois enviar a solicitude para que sexa aceptada polo Instituto Nacional de Estadística (INE)”.